O BNG reclama na Eurocámara máis transparencia na execución dos fondos europeos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no pleno do Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)
Ana Miranda defendeu no Parlamento Europeo o desenvolvemento de políticas que promovan servizos “de proximidade e calidade” en vilas pequena e medianas, rurais e urbanas.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou esta cuarta feira no debate do pleno da Eurocámara baixo o título de "O papel importante das cidades e das rexións na UE para un desenvolvemento local ecolóxico, social e próspero". Nesta xornada, Miranda expresou a oposición da formación nacionalista á centralización dos fondos nas capitais de Estados membros como Madrid ou Bruxelas, “tal e como pretende a Comisión Europea”, e reclamou “máis transparencia” na execución dos fondos europeos.

“Precisamos unha maior transparencia na execución dos fondos, un maior control para evitar a súa reprogramación, máis seguimento e avaliación do impacto do uso dos fondos dirixidos ás vilas e cidades”, salientou a eurodeputada do BNG na súa intervención, ao tempo que defendeu “unha política próxima á cidadanía, con servizos dispoñíbeis a 15 minutos, como no caso de Pontevedra ou Santiago, e que promove accións e proxectos para ter un medio rural animado, como nas localidades de Allariz (Allariz-Maceda) ou Ribeira (O Barbanza)”.

Neste sentido, Miranda salientou que “como eurodeputada galega, defendo unha política de cohesión que permita un desenvolvemento local con servizos públicos de calidade, que reteñan poboación”. A deputada afirmou que a Galiza precisa unha política de cohesión que “axude a asentar a poboación nas cidades medianas e no rural da Galiza e de Europa” e que esas cidades e vilas reciban máis fondos directos tamén para vivenda.

Falta de servizos básicos

Pola contra, sinalou que unha cidade media ou pequena urbana ou rural non ten o mesmo desenvolvemento e acceso a servizos médicos, transporte local ou emprego que unha cidade media de Alemaña, Bélxica ou Holanda. “Como imos vivir as galegas e os galegos na nosa terra, no noso país, se non hai servizos básicos nin transporte público de apoio á poboación na maioría de vilas e zonas rurais?”, apuntou a eurodeputada do BNG.

Ao respecto, Ana Miranda considerou que un elemento que dificulta que a Galiza teña o mesmo nivel de desenvolvemento que outros pobos europeos consiste na reprogramación “interesada” dos fondos “seguindo unha axenda electoral”, e non os intereses do pobo galego. “Como imos aplicar a Axenda Verde Europea se os fondos para a transición ecolóxica se dedican ao greenwashing, como é o caso da empresa Altri?”, manifestou.