O BNG reclama á conselleira do Mar explicacións sobre a crise produtiva das rías e a xestión do sector pesqueiro galego

Mariscadoras camiñando por unha das zonas de marisqueo no municipio de Redondela. na enseada de San Simón, o pasado 17 de novembro (Foto: Adrián Irago / Europa Press).

Rosana Pérez pide que a titular de Pesca “dea conta do que é da súa competencia e non se escude en Europa”.

A deputada do BNG, Rosana Pérez, avanzou este sábado que a conselleira do Mar comparecerá no próximo pleno do Parlamento para avaliar as políticas pesqueiras europeas.

Porén, Pérez advertiu que “a conselleira é conselleira na Galiza, non comisaria europea”, e reclamou que aproveite a súa intervención “para dar explicacións sobre as cuestións que son da súa responsabilidade directa”.

A parlamentaria nacionalista exixiu coñecer os plans da Xunta para recuperar o desastre produtivo das rías galegas, e en particular que explique “que pensa facer cos bancos de libre marisqueo da ría da Arousa, máis aló de pechalos”.

Tamén pediu claridade sobre as axudas pendentes aos mariñeiros afectados polo paro biolóxico do polbo e sobre se o Goberno galego prevé destinar recursos reais nos orzamentos de 2026 para o saneamento integral das rías, que continúan a recibir vertidos “a esgalla”.

Pérez sinalou ademais que o sector pesqueiro está á espera de saber se a conselleira comparte a posición do presidente Rueda en favor de instalar parques eólicos mariños, “un proxecto que podería impedir a actividade pesqueira de moitos barcos galegos”.

“O BNG quere respostas claras, porque hai decisións que se toman en Europa, pero moitas outras dependen exclusivamente da Consellería do Mar”, concluíu Rosana Pérez.