O BNG propón prorrogar até 2030 a moratoria para novas plantacións de eucalipto na Galiza
O Bloque pedirá no Parlamento galego a ampliación até o ano 2030 da moratoria para novas plantacións de eucalipto en Galiza. Así o confirma nun comunicado tras debater a con diversas entidades do sector forestal galego.
Segundo destaca, o eucalipto é unha especie que non deixou de medrar nos últimos cincuenta anos, pasando de ocupar 131.000 hectáreas en 1973 a máis de 413.000 na actualidade, o que representa 14% do total do territorio galego, de acordo cos datos máis recentes do Inventario Forestal Continuo da Galiza.
A proposta do Bloque implicaría poñer en marcha as reformas legais necesariaspara aumentar en cinco anos a prohibición vixente para novas plantacións desta especie, que remata a finais de 2025. A moratoria que entrou en vigor en xullo de 2021 e agora, defende o BNG, faise necesario ampliala, "entre outras razóns, para evitar a plantación masiva de eucaliptos que se produciría en amplas zonas do territorio galego no caso de levantarse a prohibición".
Maior biodiversidade
Para a portavoz de Montes e Política Forestal do BNG, Montse Valcárcel, "unha decisión deste calado debe facerse con suficiente antelación e ten que ir acompañada doutras medidas de fomento da diversidade e da multifuncionalidade do monte".
A deputada nacionalista sinala que outra das razóns de peso para xustificar a ampliación da moratoria é acompasala coa que rexe en Portugal, outro gran produtor, con 646.000 hectáreas, e que xa aplica dende 2018 unha norma que prohibe a plantación desta árbore até o 2030. Como consecuencia desta medida, lembra, incrementouse de maneira exponencial a demanda de eucalipto de orixe galega para as grandes pasteiras portuguesas.
"A realidade é que o eucalipto leva anos converténdose nun monocultivo en amplas zonas de Galiza, polas grandes plantacións e os convenios entre os propietarios do monte e empresas pasteiras, polo abandono e pola forma de expandirse naturalmente, mesmo despois dos incendios, facendo que non existan outras especies", explica Montse Valcárcel, autora da iniciativa que vai rexistrar o BNG.
A deputada nacionalista subliña o efecto que o incremento da superficie forestal (60,7% do territorio galego) e sobre todo do eucalipto ten na perda de superficie agraria útil e lembra que a Galiza xa superou amplamente o límite que estabelecía o Plan Forestal galego de 1992, no que se fixaba para 2032 un máximo de 245.000 hectáreas para plantacións de eucalipto, unha especie que esgota os nutrientes do solo e a diversidade, o que dificulta a recuperación e o cultivo futuro nas áreas afectadas.
As plantacións galegas de eucalipto representan hoxe en día, detalla Valcárcel, 54,3 % do total do Estado e 27,5 % do conxunto do continente europeo, malia que, xunto á Península Ibérica, só hai eucalipto en Italia (70.000 hectáreas) e Francia (10.000). Ademais, a superficie ocupada por esta especie foránea de crecemento rápido supera na Galiza a extensión doutros estados considerados grandes produtores, como Chile (232.000 hectáreas), Uruguai (217.000), Nova Zelandia (150.000) ou Suráfrica (100.000), destaca Valcárcel.
Recuperación de terras
Ademais da ampliación da moratoria até 2030, o BNG considera urxente implantar medidas de conservación activas e sostíbeis para protexer o bosque galego, os ecosistemas naturais e promover a biodiversidade en espazos protexidos, onde o eucalipto avanzou a gran velocidade nos últimos anos.
A iniciativa nacionalista tamén declara urxente a redución gradual da presenza do eucalipto en terras agrarias forestadas ilegalmente, zonas de protección de augas, zonas de protección do patrimonio cultural, zonas de protección de infraestruturas e zonas de protección de costas.
"Galiza necesita un verdadeiro uso multifuncional dos montes, unha industria forestal potente, diversificada, sostible e respectuosa coa nosa idiosincrasia, non unha baseada soamente no eucalipto", conclúe.