O BNG propón o profesor de Dereito Administrativo Fernando de Abel Vilela como adxunto á Valedora do Pobo
O Grupo Parlamentario do BNG escolleu propoñer para adxunto á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, o profesor de Dereito Administrativo Fernando Adolfo de Abel Vilela.
A proposta foi rexistrada esta quinta feira na Cámara autonómica nun escrito asinado pola líder da formación e portavoz parlamentaria, Ana Pontón, e chega logo da recente reelección de Fernández Galiño, tras un acordo alcanzado entre os populares, con maioría absoluta no Pazo do Hórreo, e os nacionalistas, que son segunda forza.
Este tipo de acordos son habituais no marco da tradición parlamentaria na Galiza. Precisamente, até o de agora a adxunta a Fernández Galiño era María Xosé Porteiro, quen fora elixida en 2019 por mor dun pacto similar de populares e socialistas (que entón eran segunda forza no hemiciclo autonómico).
Aprobación e nomeamento
Após a aprobación da proposta do BNG na Comisión de Peticións do Parlamento da Galiza, un trámite que non debera ofrecer problema tras o pacto anunciado, será a propia Valedora quen nomee o seu adxunto.
Fernando de Abel Vilela é profesor na Facultade de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC), no Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado. De Abel, colaborador Nós Diario, é, ademais, doutor por esta mesma universidade cunha tese que aborda a 'Concentración dos medios de comunicación social no dereito español e comunitario'.
Membro da xunta directiva da asociación ecoloxista Adega (ocupa a portavocía de Dereito Ambiental), participou activamente en tarefas de asesoramento xurídico fronte á implantación de proxectos empresariais como Altri ou vinculados coa enerxía eólica.