O BNG pide á Xunta os informes das inspeccións ás residencias de Amoeiro e Xinzo

O deputado do BNG Iago Tabarés, este 17 de outubro. (Foto: Nós Diario)
A formación nacionalista reclama as actas do último lustro e explicacións.

O BNG reclama á Xunta da Galiza as actas e informes das inspeccións realizadas nos últimos cinco anos aos centros de Amoeiro (comarca de Ourense) e Xinzo (A Limia) –fechadas por deficiencias nos coidados– así como doutras vivendas xestionadas polas mesmas persoas. Canda a esta documentación, a formación nacionalista tamén exixe a eliminación da precariedade, o incremento do cadro de persoal de inspección así como o estabelecemento dun sistema que impida que as visitas da inspección poidan anunciarse para impedir que se agochen posíbeis fallas.

"Non se pode seguir xogando co benestar das nosas maiores e da persoas vulnerábeis, a vellez non pode ser un negocio, en moitos casos, pagado con recursos públicos", censurou esta sexta feira o deputado Iago Tabarés, quen tamén pediu os expedientes sancionadores, porque, segundo advertiu, tras unha inspección, o Goberno galego pode "incoar procedementos sancionadores ou déixalos prescribir", así como "emitir sancións que poden ser de contía escasa", para que aos centros lles saia mellor pagar as multas "que cumprir coas ratios de persoal e coidados".

Tabarés cualificou de "incomprensíbel" a falta de explicacións por parte da Xunta tras o feche do centro de Amoeiro apenas un mes despois de que a Administración galega levase a cabo unha inspección e o mantivese en funcionamento sen advertir das súas carencias. "Non só é unha falta de respecto a este Parlamento, é un desprezo, aos milleiros de galegos e galegas", manifestou. Este silencio, dixo "evidencia que a Xunta coñecía e consentía a situación".

O deputado do BNG tachou de "cinismo político" a posición de Rueda na sesión de control ao intentar escudarse no traballo da inspección de servizos sociais, cando "carece de medios e instrumentos eficaces para desenvolver o seu labor nas residencias.