O BNG pide a Rueda que acepte a quita da débeda e negocie a favor da Galiza

A parlamentaria nacionalista, Noa Presas. (Foto: Nós Diario)

Noa Presas asegurou que a única razón pola que non está aceptando a Xunta  a quita da débeda xa é pola súa "pleitesía á estratexia electoralista de Feixoo no Estado".

A voceira de Facenda do BNG, Noa Presas, reclamou este domingo 7 de setembro a a Rueda que "deixe de facer folga de brazos caídos, acepte a quita e negocie a favor do país".

Presas asegurou que a súa formación levara unha proposta ao vindeiro Pleno para darlle ao Executivo de Rueda "a oportunidade de rectificar e acertar, aceptando unha quita de máis de 4.000 millóns de euros que sería beneficiosa para Galiza"

"A única razón pola que non está aceptando xa é a súa pleitesía á estratexia electoralista de Feixoo no Estado", afirmou Presas, quen incidiu nos benéficas para Galiza da quita da débeda.

A parlamentaria nacionalista lembrou que a Xunta da Galiza "está gastando a día de hoxe en débeda máis do que en toda a Consellaría de Política Social” e denunciou que o Goberno do PP “triplicou a débeda do noso país”.

"Non podemos permitir que Galiza perda, que Galiza simplemente polo seu sectarismo partidista quede atrás e non acepte esta quita que é unha oportunidade", asegurou Presas, que cualificou a situación de "inaceptábel"

Presas asegurou que o PP "tivo tempo  de negociar tamén un mellor sistema de financiamento e non o fixo" e reclamou ao partido do Goberno galego que "deixe de seguir as directrices de Xénova".

4.010 millóns de euros

O Goberno español aprobou a terza feira na súa reunión semanal o anteproxecto de lei orgánica para a condonación de débeda parcial ás comunidades autónomas, que suporá que o Estado absorba 4.010 millóns de euros da débeda galega.