O BNG pide que un mínimo de 50% da vivenda protexida sexa en aluguer
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu esta terza feira a urxencia de dar un cambio de rumbo ás políticas habitacionais e estabelecer un novo modelo de vivenda protexida na que a súa cualificación sexa permanente e se dea prioridade ao aluguer sobre a venda para crear un parque público "estábel e suficiente".
"É hora de que a vivenda sexa considerada un piar máis do estado do benestar, como a sanidade ou a educación", indicou para defender as propostas do BNG neste campo.
Así o recalcou xunto á alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, na apertura da xornada sobre vivenda organizada polo BNG e coordinada pola portavoz parlamentaria na materia, Alexandra Fernández, na que participaron especialistas como a arquitecta e a ex conselleira de Vivenda do BNG no Goberno bipartito, Teresa Táboas, así como expertos universitarios, xestores de cooperativas, ou o concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Compostela, Iago Lestegás. Pontón afondou no novo modelo proposto polo BNG que pasa por aplicar a cualificación permanente a toda a vivenda protexida e por dar prioridade ao aluguer, de tal modo que cando menos 50% da vivenda protexida sexa posta no mercado neste réxime.
A portavoz nacional avogou tamén por apostar, "sempre que se poida", pola adquisición pública de vivenda baleira. Nesta liña, o BNG defende que a Xunta exerza o dereito de tenteo para adquirir de forma permanente solares ou inmóbeis que se vendan por baixo do prezo de mercado. Ademais, reclamou á Xunta que revise "a suba do 40% dos prezos, o que provoca que as rendas baixas non poidan acceder nin tan sequera pola vía da vivenda protexida".
Pontón defendeu a necesidade de medidas que permitan frear o incremento dos prezos, como a declaración de mercados tensionados por parte da Xunta en todos os concellos onde se cumpre esta condición; fixar un tope aos pisos turísticos e mobilización de vivenda baleira que contribúa a aumentar a oferta.
“Fronte a un goberno do PP que permite e ampara a especulación coa vivenda, as propostas do goberno alternativo do BNG, por un cambio de paradigma, apostando polo aluguer sobre a venda para crear un parque público estable e suficiente que ofrecer á cidadanía”, concluíu.