O BNG pide anular a exclusión das mulleres trans no deporte olímpico: "É unha norma regresiva e discriminatoria"

A senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario)

A senadora Carme da Silva reclama ao Goberno estatal unha resposta firme fronte á decisión do Comité Olímpico Internacional (COI) de prohibir a participación das mulleres trans nos Xogos Olímpicos. A formación nacionalista advirte de que a medida vulnera dereitos e rompe co principio de igualdade no deporte.

O BNG criticou a decisión do Comité Olímpico Internacional (COI) de excluír as mulleres trans da categoría feminina nos Xogos Olímpicos a partir de 2028. A formación nacionalista cualifica a medida de "regresiva e discriminatoria".

A senadora Carme da Silva demandou ao Goberno do Estado unha resposta firme e Reclamou accións para anular a normativa e impulsar unha ofensiva internacional na defensa da inclusión e dos dereitos das persoas trans.

A nacionalista considera que a nova regra supón un retroceso en dereitos e vulnera os principios de igualdade e non discriminación no deporte. "Non podemos aceptar que baixo unha suposta cobertura científica se impoñan medidas que exclúen e sinalan persoas polo feito de seren quen son", afirmou. Ao seu xuízo, "esta decisión do COI sitúase na liña de discursos políticos profundamente regresivos que cuestionan dereitos xa conquistados polo colectivo LGBT"

Exixencias e impacto social

O BNG pide ao Executivo español que exixa ao COI a rectificación da norma e que defenda activamente os dereitos das mulleres trans nos foros internacionais. "Non abonda con expresar preocupación. É necesario que o Goberno exixa ao COI a rectificación desta normativa e que defenda activamente os dereitos das mulleres trans en todos os foros internacionais". A formación nacionalista reclama tamén medidas concretas para garantir a protección das persoas trans no ámbito deportivo.

Aliás, Da Silva advertiu das consecuencias sociais da decisión, especialmente entre a mocidade. "Estamos a lanzar unha mensaxe perigosísima. Estamos dicíndolles que, por seren quen son, non poderán aspirar a cumprir os seus soños no deporte", sinalou.

A senadora insistiu en que o deporte debe ser un espazo de integración, respecto e igualdade. O BNG conclúe que a medida supón "un paso atrás de décadas" na loita polos dereitos das persoas LGTBI. É responsabilidade das institucións públicas, dixo Carme da Silva, " defender unha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva tamén no ámbito deportivo".