O BNG leva ao Parlamento as "coaccións" da Xunta a centros escolares pola participación en 'Altrilixo'
O Bloque Nacionalista Galego vén de pór en marcha o procedemento para pedir responsabilidades á Consellaría de Educación polas indicacións recibidas en diferentes centros educativos pola súa participación no certame artístico e de denuncia ecolóxica 'Arte Lixo', que na súa edición de 2025 mudou o seu nome polo de 'AltriLixo'.
Segundo denuncias dos sindicatos, nos últimos días varios teñen recibido "circulares ameazantes da Xunta" sobre a súa participaron neste proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Redondela.
O voceiro local do BNG, Xoán Carlos González, expresou "o noso total e absoluto apoio aos equipos directivos e aos claustros ante unhas directrices que buscan coaccionar a liberdade dos centros educativos". Segundo subliña nun comunicado remitido aos medios, Redondela, coma poucos concellos ten expresado o seu rexeitamento a unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) e lembra unhas 500 persoas participaron na concentración ante o concello, ademais de ducias delas que se implicaron en diferentes manisfestacións.
Explicacións na Cámara galega
Pola súa parte a deputada nacionalista Alexandra Fernández, que estivo visitando a exposición de 'Altrilixo' na rúa, declarou que desde o BNG "imos presentar diversas iniciativas en sede parlamentar para que se dean todas as explicacións necesarias ante estes feitos gravísimos".
Fernández destacou que a exposición, que conta con trinta anos de andaina, centrouse este ano na macrocelulosa, no marco dunha iniciativa que chama a atención sobre a xeración de residuos e que anima á participación de todo o tecido social e educativo de Redondela. "Trátase de coaccións da Consellaría de Educación que van en contra da liberdade de expresión que se fomenta nos centros educativos. Demostra o Partido Popular que está moi preocupado pola contestación social ao proxecto de Altri", enfatizou Alexandra Fernández.