O BNG insta a Comisión Europea a excluír a pesca artesanal do regulamento de control pesqueiro

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

Ana Miranda lembra que foi a única eurodeputada galega que votou contra este regulamento no pleno do Parlamento Europeo, en outubro de 2023.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou esta terza feira que a pesca artesanal "ten que estar excluída do regulamento do control pesqueiro da UE", tal e como reclama o sector pesqueiro galego e "como leva exixindo o BNG desde hai anos tanto no Parlamento Europeo, como no Congreso, como no Parlamento galego".

"Como eurodeputada do BNG intervín onte [esta segunda feira] no Parlamento Europeo para apoiar as distintas mobilizacións que houbo na Galiza, nos portos galegos, reclamando que o sector da frota pesqueira artesanal non estea incluído no regulamento de control", explicou Ana Miranda.

A nacionalista lembrou que Galiza ten competencias exclusivas en materia de pesca artesanal e insistiu en que a normativa comunitaria supón "un regulamento totalmente inxusto, como así levamos dicindo desde o BNG xa desde a súa votación", no mes de outubro de 2023.

Neste sentido, Miranda destacou que, "como única eurodeputada galega que votou en contra deste regulamento de control, quero pór en valor o traballo que estamos facendo dende o BNG". Ademais, denunciou as loias e noticias falsas ao respecto. "O BNG votou en contra deste regulamento e ten unha posición moi clara para que se exclúa do regulamento de control a frota pesqueira artesanal", lembrou a eurodeputada nacionalista sobre o pleno do 17 de outubro de 2023.

En consecuencia, o BNG instou a Comisión Europea "a que siga a petición que se está facendo desde o sector pesqueiro galego para flexibilizar estas normas, mais sobre todo que se exclúa do regulamento a pesca artesanal, porque pode ser tratada e lexislada desde Galiza, tal como pide o sector pesqueiro, tal como pediron os mariñeiros e mariscadores na nosa costa".

Singularidades do sector

En liña coas "numerosas actuacións" desenvoltas polo BNG ao respecto, Ana Miranda enviará unha carta á directora xeral de Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, na que lle explicará a "necesidade" de que o regulamento de control de pesca recolla as singularidades do sector pesqueiro galego, de forma que a pesca galega "non siga sendo discriminada".

Neste sentido, cando se debateu o regulamento de control no Parlamento Europeo, na sesión plenaria de outubro de 2023, Ana Miranda subliñou a oposición do BNG á inclusión da pesca artesanal no regulamento do control da pesca, que inclúe a declaración electrónica dos cadernos diarios de pesca, de transbordo e de desembarque. Xa daquela, a eurodeputada galega consideraba que era "unha medida excesiva e que o sector xa está suficientemente controlado, posto que está suxeito a cotas máximas de capturas, puntos de control e vixilancia dos bancos marisqueiros".