O BNG impulsará unha comisión de investigación para "depurar responsabilidades" polos incendios
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "auténtica catástrofe social, ambiental e económica" a vaga de lumes que arrasou máis de 100.000 hectáreas, aldeas enteiras, infraestruturas e espazos naturais de gran valor. Pontón acusou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de ser responsábel da "peor xestión dos incendios da nosa historia" ao "fallar en tres frontes": prevención, dinamización do medio rural e xestión da crise.
Por iso, a líder nacionalista anunciou dous pasos inmediatos. En primeiro lugar, a convocatoria urxente da Deputación Permanente para que o presidente da Xunta compareza esta mesma semana no Parlamento galego a dar explicacións sobre "a peor xestión dos incendios da nosa historia" e para que asuma as súas responsabilidades. "Agardo que o PP non use o seu rolo absolutista para impedir esta comparecencia", engadiu.
En segundo lugar, o BNG solicitará a creación dunha comisión parlamentaria de investigación para analizar en profundidade a xestión desta vaga de lumes. "Cando hai máis de cen mil hectáreas arrasadas, centos de casas ardidas, espazos de enorme valor ambiental calcinados, centos de explotacións afectadas e perdas millonarias, é evidente que alguén fixo algo mal e alguén debe ser responsábel", subliñou Pontón.
"Cambio de rumbo"
Segundo destacou Pontón, a Xunta deixou sen executar axudas e medidas preventivas, non mobilizou todos os medios dispoñíbeis, desactivou bombeiros en plena emerxencia e mantivo brigadas incompletas. Ademais, criticou a falta de transparencia, ao ocultar información e minimizar datos oficiais fronte aos rexistros de satélite, e denunciou a "instrumentalización da TVG ao servizo do PP" mentres miles de galegos e galegas vivían con angustia e arriscaban a vida para salvar aldeas.
"Cando un goberno falla con esta gravidade, ten que asumir responsabilidades", insistiu Pontón, quen anunciou que o BNG solicitará a creación dunha comisión de investigación parlamentaria para esclarecer os erros cometidos e garantir que "nunca máis" se repita unha vaga de lumes desta dimensión.
Pontón tamén reclamou un "cambio de rumbo nas políticas forestais e rurais": maior investimento en prevención, ampliación das faixas de protección arredor das vivendas, un monte multifuncional que combine aproveitamento forestal e agrario, e un servizo de extinción dimensionado á realidade actual. "Un medio rural vivo e produtivo é o mellor antídoto contra os incendios", subliñou.
A líder nacionalista enviou finalmente unha mensaxe de recoñecemento e solidariedade ao persoal de extinción, aos brigadistas feridos e á cidadanía que voluntariamente se xogou a vida para protexer casas, explotacións e o patrimonio natural.