O BNG exixirá ao Goberno español rexeitar o incremento de tarifas da AP-9 en 2026 e iniciar a anulación da "prórroga ilegal"
Antes de rematar o ano e ante a pretensión da concesionaria de subir as peaxes da Autoestrada do Atlántico, o BNG levará a debate e votación unha iniciativa no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado español "que impida o incremento das tarifas para as persoas usuarias e inicie os trámites para a anulación da prórroga, a asunción da súa xestión directa e a supresión das peaxes". Ademais, o portavoz da formación nacionalista na Cámara Baixa, Néstor Rego, defenderá impulsar a transferencia da AP-9 á Galiza.
"Seguen financiándose os lucros millonarios dos titulares da concesión con cargo a fondos públicos dunha infraestrutura que neste momento debería ser xa pública e libre de peaxes", denunciou o deputado galego, que lembrou a prórroga concedida polo Goberno do PP encabezado por José María Aznar e que a Comisión Europea declarou nula por realizarse sen a debida licitación pública.
"Esa mesma prórroga, ilegal, é precisamente pola que as persoas usuarias da AP-9 teñen que seguir pagando portaxes nunha infraestrutura sobradamente amortizada, só para maior lucro das empresas privadas", manifestou o representante do BNG.
Peaxes, recriminou Rego, "que ven incrementados anualmente para cubrir a suba do IPC, especialmente elevado nas últimas anualidades, e para resarcir á concesionaria por obras de mellora non incluídas na prórroga".
Rematar xa coa estafa legalizada declarada ilegal
Ante esta situación, o BNG levará a debate e votación unha iniciativa no Congreso para reclamar ao Goberno do Estado español que, en primeiro lugar, "impida o incremento das tarifas das peaxes da AP-9 en 2026 para as persoas usuarias, ben negociando coa concesionaria ou asumindo os aumentos previstos nos Orzamentos do Estado".
Por outra parte, o deputado nacionalista no Congreso exixirá iniciar os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 e asumir a xestión directa da autoestrada, así como a supresión das peaxes.
"Débese impulsar a transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza", recolle tamén a iniciativa presentada polo representante de Bloque Nacionalista Galego que será debatida no Congreso.