Néstor Rego exixe prorrogar as bonificacións no tren: "Demostrouse que cando hai un servizo con prezos adecuados, hai demanda"
O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, demanda "compromiso real e vontade por parte do Ministerio de Transportes para prorrogar as bonificacións do transporte ferroviario para 2026 e aplicar unha tarifa plana bonificada aos tramos de Media Distancia e Avant na Galiza para evitar a discriminación que implica carecer aínda de servizo de cercanías".
"Prorrogará as bonificacións no transporte ferroviario para 2026 e, de ser así, está en disposición de aplicar a tarifa plana bonificada de cercanías naqueles tramos de media distancia e Avant na Galiza que por distancia ou tempo son equiparábeis para evitar a discriminación que implica carecer aínda dese servizo?" é a pregunta que o deputado nacionalista formulou á secretaria xeral de Mobilidade, Sara Hernández Olmo.
Segundo lembrou o representante do BNG, após as prórrogas realizadas nas bonificacións ao transporte ferroviario, "demostrouse que cando hai un servizo de tren con prezos adecuados, hai demanda". Unha cuestión, tanto a das prórrogas das bonificacións como a equiparación da Media Distancia e Avant, incorporadas no acordo para a investidura de Pedro Sánchez asinado entre a formación nacionalista e o PSOE hai dous anos.
Ante o remate destas bonificacións a finais de ano, Rego demanda compromiso por parte do Executivo estatal e vontade para concretar medidas prácticas que convertan estas tarifas nunha realidade que beneficie os galegos e galegas. "Ademais de que a Administración ten que facer un maior esforzo na Galiza polo déficit histórico en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, o Goberno debe ter a vontade de prorrogar estas bonificacións para 2026 e aplicar tarifas de cercanías para os tramos de Media Distancia e Avant na Galiza". Reivindica.
De non comprometerse, sinala o deputado do BNG, os galegos e galegas estarían a pagar "dúas veces máis, cinco veces máis e até 10 veces máis" por carecer dun servizo -o de proximidade ferroviaria- a pesar de ter áreas urbanas de máis de 600 000 habitantes, unha "cuestión única no Estado español", remarcou.
Impulsar as cercanías ferroviarias e cumprir o acordado co BNG
"No acordo de investidura conseguido polo BNG recollíase que durante esta lexislatura se implantarían os servizos de cercanías ferroviarias. Sabemos que o Ministerio está a traballar no estudo para a mobilidade diaria e cotiá dos galegos e galegas e que se está a rematar, mais é preciso axilizar a implantación deste servizo e que milleiros de galegos e galegas se vexan beneficiados", subliña o deputado nacionalista.
Pola súa parte, a secretaria xeral de Mobilidade Sustentábel sinalou que o Goberno español "é consciente do agravio que ten Galiza por carecer do servizo de cercanías ferroviarias" e confirmou que está a traballar nun novo marco de políticas de mobilidade e de transportes público "que garanta o dereito á mobilidade de todos os cidadáns, tendo presente a realidade territorial galega".
Dentro destas políticas de mobilidade, engadiu Sara Hernández Olmo, o Executivo estatal está a traballar baixo principios como a accesibilidade e a cohesión territorial, alén de que o servizo ferroviario "debe ser asumíbel para o conxunto dos galegos e galegas", en relación ao prezo das tarifas, tendo en conta "criterios de demanda mais tamén criterios sociais e económicos".