O BNG exixe explicacións a Rueda tras a dimisión de Villares: "Non pode esconderse"
A responsábel de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, exixiu explicacións ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tras a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, investigado por unha presunta agresión sexual, e instou o titular do Goberno galego a non "esconderse".
Pouco despois da comparecencia do titular de Mar, Presas manifestou que a formación nacionalista recibiu "con absoluto horror" a noticia de que dimita "por algo tan grave como estar imputado por unha agresión sexual".
"Isto é dunha gravidade extrema porque é terríbel para as mulleres ter que ver que un Goberno que en teoría ten que protexer os nosos dereitos ten un posíbel agresor sexual", reprochou a deputada do BNG.
Neste sentido, a parlamentaria insistiu en que unha denuncia "deste calado" non é "un asunto privado", polo que subliñou que "ten que ser investigado até as últimas consecuencias" e Alfonso Rueda "non pode esconderse e ten que dar explicacións".
Ademais, o BNG enviou o seu apoio á persoa denunciante e pediu para ela "a máxima confidencialidade e seguridade", á vez que enviou unha mensaxe ás demais mulleres: "Ver isto é terríbel, mais tamén temos que ver a perspectiva de que se hoxe un home poderoso pode ser imputado por unha cuestión así é porque o feminismo avanzou nos últimos anos e as mulleres non calamos ante este tipo de situacións".
Así mesmo, en redes sociais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aseverou que un conselleiro "acusado de delito sexual non é un asunto privado". Por iso, instou Rueda a dar explicacións "inmediatas" no Parlamento da Galiza. "Á espera de que a xustiza actúe, todo o apoio e solidariedade coa vítima, para a que pedimos o máximo respecto", manifestou a líder nacionalista.