O BNG exixe no Congreso a posta en valor e protección do xacemento arqueolóxico de Vilantime, en Arzúa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
Durante a execución das obras da autovía A-54 que une a cidade de Santiago de Compostela e Lugo, foi localizado este xacemento arqueolóxico de grande importancia para a investigación histórica da Galiza e, especialmente, para a comarca de Arzúa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para a conservación e posta en valor dos restos arqueolóxicos situados na proximidade do lugar de Vilantime, no concello de Arzúa, atopados durante as obras da A-54.

A organización nacionalista exixe ao Ministerio de Transportes que adopte todas as medidas necesarias, en colaboración e coordinación coa Xunta de Galiza e o Concello de Arzúa, para conservar o complexo arqueolóxico.

Tamén demanda que se asegure o depósito das pezas achadas nun museo público galego próximo ao lugar da escavación para a súa exposición, así como levar a cabo un proceso de musealización da zona.

Xacemento arqueolóxico de Vilantime

Durante a execución das obras da autovía A-54 que une a cidade de Santiago de Compostela e Lugo, foi localizado un xacemento arqueolóxico de grande importancia para a investigación histórica da Galiza e, especialmente, para a comarca de Arzúa. Segundo os datos achegados polo equipo arqueolóxico encargado da escavación, os restos son dunha aldea castrexa da época galaico-romana de 2.000 anos de antigüidade.

A área arqueolóxica actual ten uns dous mil metros cadrados aproximadamente, mais os encargados do estudo apuntan a que o xacemento supera a zona escavada polo momento situada nos terreos expropiados para a construción da autovía. Por exemplo, a escasos metros da escavación actual, hai meses que a mesma empresa arqueolóxica atopou varios restos de edificacións circulares de época calcolítica, datadas entre os anos 1.700 e 3.000 a.C.

“Foi achada unha zona cunha vivenda de catro estancias e outra construción destinada á produción de pan a nivel industrial onde apareceron restos dun forno e varios muíños de man” explica o deputado do BNG. Nunha zona lindeira, escaváronse dous fornos de 2x2 metros para a cocción de ladrillo e tella romana, únicos na Galiza polo seu formidábel estado de conservación.

Na vivenda apareceron restos de cerámica, tanto romana como propia da Galiza, así como varias moedas -entre elas, unha do 114 d.C. do emperador Traxano e outra de finais do século III do emperador Galiano- que permiten facer unha aproximación das datas de ocupación.

O conxunto está situado ademais a escasos metros dun antigo camiño que comunicaba Arzúa e Sardecoiro, no concello de Santiso, pasando por Maroxo, Montelongo e Pela, do que se ten referencias documentais do s. X, que xunto co resto de achados, podería formar parte da posta en valor da historia do lugar.