O BNG esixe a inclusión do Porto de Vigo no Plan de investimentos do Corredor Atlántico

Carme da Silva, senadora do BNG. (Foto: Nós Diario)
Pide financiamento extraordinario para esta infraestrutura mentres non se resolva a exclusión de Vigo da Rede Transeuropea

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistrou na Cámara Alta unha batería de iniciativas nas que demanda ao Goberno do Estado que rectifique a exclusión do Porto de Vigo do Plan de Investimentos 2025-2030 para os portos integrados no Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T).

Nun comunicado, Da Silva denuncia que esta decisión constitúe unha discriminación inxustificábel a un dos principais portos do Estado e unha ameaza directa ao seu futuro como infraestrutura chave para a economía galega. "O Porto de Vigo é unha infraestrutura estratéxica, que non pode quedar fóra nin dos fondos europeos nin das previsións de investimento do Estado. A súa exclusión supón unha auténtica marxinación para Galiza e para un dos motores económicos do país", declarou a senadora.

A formación nacionalista sinala que o Ministerio de Transportes anunciou un investimento de 3.143 millóns de euros para o período 2025-2030 destinada aos portos nodais do Corredor Atlántico integrados na rede TEN-T. Con todo, o Porto de Vigo non figura entre os destinatarios desta partida a non estar considerado como porto nodal, unha situación que o BNG cualifica de "inxusta e discriminatoria".

Rectificación e fondos extraordinarios

Carme da Silva esixe que se rectifique esta exclusión e que se inclúa o Porto de Vigo no Plan de investimentos do Corredor Atlántico. "Non é aceptábel que un porto con 5,7 millóns de toneladas de descargas en 2024, que supón 20% do PIB da área de Vigo e que xera 35.000 empregos directos e indirectos, quede fóra das prioridades do Goberno español", sinalou.

Entre as consecuencias máis graves desta marxinación, o BNG advirte que poderían quedar sen executar infraestruturas fundamentais como o novo punto de inspección fronteiriza en Guixar, a mellora das atracadas en Bouzas, o apeadeiro ferroviario da Plisan ou o segundo silo de vehículos. "Estes proxectos son imprescindíbeis para a competitividade e o desenvolvemento futuro do Porto de Vigo", explica da Silva.

Ante esta situación, o Bloque demanda que o Ministerio de Transportes habilite mecanismos de financiamento extraordinarios para compensar o porto vigués mentres non se corrixa a súa situación na rede europea TEN-T. Ademais, insta o Goberno a defender en Bruxelas a súa inclusión como porto nodal.

"O Goberno debe comprometerse co impulso, modernización e crecemento do Porto de Vigo. Non se pode seguir castigando unha infraestrutura que é vital para a economía de Galicia e cun peso fundamental a nivel europeo", conclúe a senadora do BNG.