O BNG emitirá un voto particular ao ditame da comisión de investigación: “É unha fraude”

Óscar Insua, Montse Prado e Iago Tabarés, esta quinta feira. (Foto: BNG)

O nacionalismo advirte da “parodia” que representa, afirma, un ditame no que só constan as conclusións que “xa tiñan preparadas” os populares dende o inicio

A deputada Montse Prado e os deputados Iago Tabarés e Oscar Insua, do BNG, adiantaron esta quinta feira en rolda de prensa que o BNG emitirá un voto particular ao ditame da comisión de investigación por consideralo unha “burla democrática” e unha “farsa”. 

Neste sentido o BNG advertiu da “fraude” e “parodia” que representa o ditame que quere presentar na comisión de mañá o PP, no que só constan as conclusións que o Partido popular  “tiñan preparadas dende o inicio” e que non mudaron en absoluto. Un ditame, afirman, que non se sustentan en documentación e en datos que poidan avalar o que nel se reflicte e “que descualifica e desvaloriza os informes do Consello de Contas, por exemplo” salientou Prado.

Por iso, o BNG non presentou emendas ao ditame e emitirá directamente un voto particular. “No BNG consideramos que os panfletos non se emendan”, afirmou a deputada nacionalista, quen negou o carácter de ditame a unhas conclusións que cualificou de “mal chiste” e de “burla” á cidadanía e para as que o PP non fixo nin a máis mínima aproximación para recoller as achegas dos grupos da oposición e tentar facer un ditame en conxunto. 

A deputada nacionalista denunciou o “ocultamento sistemático de documentación” na comisión, así como o veto das comparecencias solicitadas pola formación nacionalista, a comezar pola do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “máximo responsábel durante o período temporal obxecto da investigación, ou a súa irmá, directora de Eulen na Galiza, empresa á que se lle adxudicaron máis de 1.500 contratos por un importe superior a sete millóns de euros”.  

“O Partido Popular é un auténtico experto en impedir que se coñeza como actúa cos cartos de todos e de todas” salientou Prado, quen recalcou que o PP impediu que “viñese calquera persoa que puidese dar explicacións ou aportar documentación que se puidera analizar” para chegar a algún tipo de conclusión que saíse fóra do relato marcado polo PP.

Neste sentido, exemplificou esta “actitude antidemocrática” na documentación relativa á construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro e que evidencia como se ampliaron os servizos concesionados para beneficiar a empresas privadas vinculadas co PP. 

“É unha auténtica burla democrática que se faga chegar unha documentación totalmente insuficiente e nesgada”, apuntou, para advertir a continuación como, entre as caixas con documentación “sen valor para ser analizadas nesta comisión”, había “traspapelado un informe confidencial de Price Waterhouse Coopers, con conclusións distintas ás achegadas no seu primeiro informe, que foi o que si se someteu a exposición pública”.  

Deste modo, afondou, houbo dous informes: un primeiro para exposición pública “que se adapta ao relato do PP” e un segundo, cualificado como “privado-confidencial” no que, entre outras cuestión, se recolle que o modelo de empresa pública (impulsado polo Goberno de coalición anterior), de ser estruturado adecuadamente, pódese “non consolidar a súa infraestrutura e o seu endebedamento nas contas públicas”. “Dous documentos, un público sobre o que teoricamente tiveron que tomar as decisións, mais a realidade é que as tomaron conforme ao que ninguén coñeceu”, recalcou.