O BNG destaca os seus resultados en 2025 "na defensa dos intereses da Galiza e das clases populares" no Congreso e no Senado

Carme da Silva e Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
O Bloque Nacionalista Galego, conclúe a formación nun comunicado, "reafirma con estes resultados o seu compromiso cunha Galiza con máis dereitos, máis xustiza social e máis capacidade de decisión".

Durante o ano 2025, o Bloque Nacionalista Galego "desenvolveu nas Cortes do Estado unha acción política decisiva para defender os intereses da Galiza e mellorar as condicións de vida das clases populares, alcanzando acordos e avances concretos froito da negociación, da firmeza e da capacidade de influencia do BNG", sinala a formación nacionalista nun comunicado no que fai balance do exercicio.

"No ámbito social, o BNG acordou co Goberno do Estado a exención do IRPF para as persoas que perciben o Salario Mínimo Interprofesional, asumindo o Estado o custo íntegro da medida. Tamén, en cumprimento do Acordo de Investidura, produciuse unha suba das pensións mínimas por riba do IPC, cun incremento adicional de 7 % previsto para 2026, mantivéronse as bonificacións no transporte público e conseguiuse un avance relevante na ampliación dos permisos de maternidade e paternidade, reforzando os dereitos das familias e a conciliación da vida laboral e persoal, tal e como recollía o propio Acordo de Investidura asinado polo BNG", explica a forza política.

"Destaca a creación de novos xulgados específicos contra a violencia machista en Santiago de Compostela e Ourense, dando cumprimento aos compromisos adquiridos no Acordo de Investidura, se ben están aínda pendentes os de Lugo, Ferrol e Pontevedra, polos que o nacionalismo continúa a traballar", engade. Así mesmo, continúa, "o BNG defendeu a redución da xornada laboral a 35 horas semanais, unha proposta clave para mellorar a conciliación e a calidade de vida, que foi vetada no Congreso pola dereita e a ultradereita".

En materia de mobilidade e infraestruturas, 2025 "marcou un punto de inflexión". Neste sentido, di o comunicado, "entraron en vigor novas bonificacións de até o 75% na Autoestrada do Atlántico (AP-9), que se suman ás xa conseguidas polo BNG en anos anteriores, así como descontos de até o 75 % na AP-53". Ademais, prosegue, "desbloqueouse inicialmente a tramitación da AP-9". Nesta liña, "o BNG continuará a presionar para pór punto final a unha concesión declarada ilegal pola UE e lograr unha AP-9 galega e sen peaxes", asevera.

"No ámbito ferroviario, grazas á insistencia do BNG foron dándose pasos para modernizar infraestruturas estratéxicas para a Galiza, como as liñas ferroviaria Lugo-Ourense, o bypass de Betanzos ou o estudo para a conexión ferroviaria Compostela-Lugo", destaca a formación nacionalista. "Coa negociación da Lei de Mobilidade Sustentábel, o BNG conseguiu manter as paradas de autobús de concesións estatais que inicialmente estaba previsto suprimir en 23 concellos galegos, blindar por lei a creación de novos servizos e frecuencias ferroviarias e axilizar a implantación dos servizos de proximidade ferroviaria no noso país", sinala.

"No plano económico e financeiro, foi aprobada polo Consello de Ministros a quita da débeda recollida polo BNG no Acordo de Investidura, o que permitirá que en 2026, se o PP de Rueda non o impide, que Galiza alivie de maneira significativa a súa carga financeira", acrecenta. "O BNG tamén garantiu avances na defensa dos dereitos lingüísticos, tanto coa Lei de atención á clientela —que obriga as empresas a atender na lingua escollida pola cidadanía— como coa protección do uso do galego nas relacións coas administracións e os servizos", incide.

Finalmente, salienta, "o BNG xogou un papel decisivo para impedir que o proxecto de Altri recibise fondos públicos. Grazas á presión política e social exercida, conseguiuse que o Goberno do Estado lle denegase calquera apoio económico con diñeiro público, defendendo así o interese xeral da Galiza fronte a proxectos lesivos".

No ámbito internacional, o BNG, destaca a formación nacionalista, "mantivo ao longo de 2025 unha posición firme e coherente na defensa da paz entre os pobos, desenvolvendo unha actividade política intensa en solidariedade co pobo palestino, denunciando de maneira continuada o masacre que aínda a día de hoxe sofre a poboación civil palestina a mans do Estado sionista de Israel e reclamando respecto ao Dereito Internacional e os Dereitos Humanos".

O Bloque Nacionalista Galego, conclúe, "reafirma con estes resultados o seu compromiso cunha Galiza con máis dereitos, máis xustiza social e máis capacidade de decisión. O BNG seguirá a traballar con determinación nas institucións para defender os intereses do pobo galego e das clases populares, fronte a quen pretende frear avances e perpetuar desigualdades".