O BNG denuncia ante a Xustiza a "manipulación informativa" da TVG
A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, acudiu esta segunda feira á vista xudicial nos xulgados de Compostela ante a denuncia que presentou a formación nacionalista para exixir á CRTVG o dereito de rectificación tras a información "falsa" emitida pola canle pública sobre a súa "ausencia" no acto de conmemoración do cabodano de Castelao o pasado 7 de xaneiro. “Esta falsa afirmación non foi rectificada pola TVG, malia que así o exixe a lei”, salientou.
Olalla Rodil, en representación do BNG, lamentou ter que recorrer á vía xudicial para defender un dereito "básico e fundamental" como é o acceso a medios de comunicación públicos veraces e obxectivos. "A CRTVG afirmou que ningún representante do BNG estivo presente na homenaxe organizada pola Fundación Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, cando as imaxes da propia televisión galega demostran o contrario", denunciou Olalla Rodil.
Nova Lei de medios
A deputada nacionalista advertiu de que a situación da CRTVG está "lonxe de mellorar". "O Partido Popular non só se nega a rectificar, senón que está a piques de aprobar unha lei que reforzará o seu control absoluto sobre os medios públicos", afirmou. Segundo explicou, esta reforma permitiría ao PP designar "a dedo" a dirección xeral da corporación e vulneraría os dereitos profesionais dos traballadores e as traballadoras do ente público. Rodil aludía así a unha norma que o pasado día 28 avanzou na súa tramitación parlamentaria co único apoio do PP, que malia as súas chamadas ao "consenso" rexeitou as emendas da oposición.
"No BNG temos claro que este é un feito gravísimo que atenta contra a calidade democrática do noso país e non imos deixar de defender, alí onde sexa necesario, o dereito das galegas e galegos a ter uns medios públicos ao servizo de Galiza e non do Partido Popular", proseguiu a deputada nacionalista.
O BNG asegura reafirmar así o seu "compromiso na defensa dun xornalismo público veraz, plural e ao servizo do país", fronte ao que considera un intento de converter a CRTVG nun "mero instrumento de propaganda" do PP. "Seguiremos loitando polos medios de comunicación que merecen as galegas e os galegos", concluíu Rodil na súa intervención.