O BNG denuncia que PP e PSOE impiden que os colectivos afectados pola contaminación do encoro das Conchas comparezan na Eurocámara

A eurodeputada do BNG Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)
"Desde o BNG e como eurodeputada galega pedín que se reabrise este asunto para que viñeran os colectivos a comparecer. A nosa sorpresa foi que o Partido Popular e o Partido Socialista impediron que veñan comparecer no mes de setembro, incluso diante da sentenza que lle dá a razón aos colectivos", explicou.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou esta cuarta feira que na reunión de coordinadores da Comisión de Peticións da Eurocámara, o PP e o PSOE abstivéronse para evitar que "os graves problemas de contaminación que desde hai anos se producen no encoro das Conchas (en Lobeira, Baixa Limia)" se traten na sesión desta comisión correspondente ao mes de setembro, impedindo que comparezan os colectivos afectados.

Ana Miranda destacou que desde o 2018 hai unha petición aberta na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre as demandas feitas polos colectivos veciñais da Limia en relación co encoro das Conchas e os problemas de contaminación ambiental, en concreto a Petición número 1057/2018, sobre os efectos da gandaría intensiva no Val da Limia.

"Desde o BNG e como eurodeputada galega pedín que se reabrise este asunto para que viñeran os colectivos a comparecer. A nosa sorpresa foi que o Partido Popular e o Partido Socialista impediron que veñan comparecer no mes de setembro, incluso diante da sentenza que lle dá a razón aos colectivos", explicou.

Nesta liña, a eurodeputada do BNG considerou "imprescindíbel" que haxa "comunicación directa coa Comisión Europea para actualizar a información", e defendeu que no mes de outubro os colectivos poidan comparecer na Comisión de Peticións.

Visita ao encoro

Co obxectivo de explicar as actuacións levadas a cabo polo BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda visitará o encoro das Conchas acompañada do deputado na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, a responsábel comarcal do BNG, Ernesta Seoane, así como portavoces municipais de outras localidades e colectivos afectados.

No percorrido previsto -que tamén inclúe Verea, Ramirás e Celanova-, a eurodeputada do BNG explicará esta sexta feira que recentemente dirixiu unha pregunta á Comisión Europea sobre "os incumprimentos e a inactividade" do Goberno español e da Xunta da Galiza "á hora de combater os problemas de contaminación este encoro, inactividade recoñecida na sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)".

En concreto, a sentenza do TSXG recoñece a vulneración de dereitos fundamentais da veciñanza da comarca e condena tanto á Xunta da Galiza como á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Executivo español, pola súa inactividade deliberada fronte a unha situación coñecida e grave de contaminación das augas.