O BNG denuncia a exclusión do galego nas campañas institucionais do Goberno do Estado
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, denunciou a discriminación do galego nas campañas institucionais da Administración Xeral do Estado durante o ano 2024.
Rego indicou que a información achegada polo Informe de Publicidade e Comunicación Institucional aprobado polo Consello de Ministros do pasado 24 de xuño, "constata a marxinación das linguas oficiais distintas do español".
“É evidente que o feito de que unha campaña estea teoricamente dispoñíbel en galego non garante en absoluto o seu uso efectivo”, afirmou Rego, quen denunciou que "a lingua galega segue a ser tratada como secundaria ou prescindíbel pola Administración do Estado, o que resulta absolutamente inaceptábel”
O responsábel nacionalista apuntou que moitas das campañas consideradas de “ámbito xeral ou estatal” non se realizaron en galego nin se prevé que se fagan, limitándose, na maioría de casos, ao español e "excluíndo sistematicamente o galego".
O deputado do BNG alertou que en campañas de interese xeral como as destinadas a promocionar os alimentos emblemáticos das zonas rurais, a concienciar sobre as especies exóticas invasoras ou a prevención de accidentes viarios non contaron con versións efectivas en galego.
Mudar criterios
“É un feito grave e reiterado que mostra unha total falta de compromiso co recoñecemento real da pluralidade lingüística do Estado”, destacou Rego, quen demandou "modificar os protocolos de execución das campañas institucionais para garantir a súa realización efectiva en todas as linguas oficiais".
Rego sinalou que "o Executivo debe abandonar a política de mínimos e asumir de verdade que vivimos nun Estado plurinacional e plurilingüe, e que iso require compromisos efectivos coa diversidade lingüística"
"O galego non pode seguir a ser invisibilizado polas institucións estatais”, criticou Rego, quen reclamou ao Goberno do Estado que ofreza "datos detallados sobre o número de publicacións feitas en cada lingua e os medios nos que se difunden".