O BNG dará continuidade ao goberno da Deputación de Lugo e apoiará a candidatura da socialista Carmela López

Daniel García, Efrén Castro e Iria Castro. (Foto: Nós Diario)

Os nacionalistas ratificaron a necesidade de preservar a institución fronte "a estratexia do PP que está a utilizar unha denuncia de acoso sexual como arma arreboladiza"

O grupo do BNG na Deputación de Lugo avanzou esta segunda feira o seu voto a favor da candidatura de Carmela López Moreno á presidencia da Deputación de Lugo no pleno que se desenvolverá esta cuarta feira -14 de xaneiro, ás 12.00 horas-.

A formación nacionalista fixo pública a súa postura tras a reunión mantida na tarde desta segunda feira con representantes do PSdG-PSOE de Lugo na que se concretaron as conversas mantidas nos últimos días entre os dous grupos políticos.

O BNG amosou así a súa disposición a dar "continuidade no goberno á maioría de esquerdas que saíu das eleccións municipais de 2023". Nese sentido, os deputados nacionalistas valoraron "os avances logrados" polos executivos de coalición nos últimos seis anos e medio nos que consolidaron o Plan Deputación, ampliaron a rede pública de Centros de Atención a Maiores, reforzaron "o apoio aos sectores produtivos e ao tecido asociativo e avanzaron na mellora de espazos públicos, bens patrimoniais e instalacións" de titularidade da Deputación.

Os representantes do BNG incidiron na "necesidade de devolver a normalidade institucional á Deputación e de seguir avanzando na súa modernización e no fortalecemento da colaboración cos concellos e co tecido produtivo, social, cultural e deportivo".

A este respecto, na reunión mantida na tarde desta segunda feira, acordouse incrementar en medio millón de euros os fondos do Plan Deputación de cara ao 2027, dando un novo impulso á dotación orzamentaria deste instrumento de apoio económico aos concellos da provincia.

Os representantes nacionalistas ratificaron a "necesidade" de preservar a institución fronte á "estratexia do Partido Popular que está a utilizar unha denuncia de acoso sexual como arma arreboladiza contra o BNG e parapeto para tratar de chegar a un goberno que non logrou nas eleccións municipais".