O BNG consegue que o PP recúe na Lei do deporte para adaptala ás necesidades das federacións: os mandatos non superarán os 20 anos

Roberto Fernández, Iago Suárez e Paloma Castro. (Foto`: Nós Diario)
A mudanza da Lei galega do deporte, que previsibelmente será aprobada esta semana no Parlamento da Galiza, foi impulsada polo PP. Con todo, o BNG conseguiu introducir cambios co obxectivo de mellorar a norma e adaptala ás necesidades das federacións.

Os cambios na Lei galega do deporte, que previsibelmente se aprobará no pleno do Parlamento da Galiza desta semana, elevarán a exixencia das normas de bo goberno das federacións e limitarán os mandatos nestas, mais a un tempo que poderá alcanzar un máximo de 20 anos.

O informe do relatorio sobre a proposición de lei para modificar a Lei do deporte da Galiza aprobada en 2012 considera esencial que as federacións eleven o nivel de exixencia das súas normas de bo goberno, a través de principios que garantan a xestión irreprochábel dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de intereses ou, entre outros, a duración limitada dos cargos electos federativos, co obxectivo de garantir a renovación destas entidades de natureza privada que exercen funcións públicas delegadas.

Con todo, a pesar de que a proposta inicial do Partido Popular pasaba por limitar a tres os mandatos, cada un dun total de catro anos, finalmente, tras un acordo alcanzado durante a tramitación da lei co BNG, o tempo máximo será de catro, mais ampliábeis a cinco se se dan unha serie condiciones.

Así, a persoa que ocupe a Presidencia poderá optar a un único mandato adicional no caso de que a súa sexa a única candidatura, cando así o aproben expresamente dous terzos dos membros da Asemblea Xeral ou cando "concorran razóns de interese deportivo, organizativo ou institucional que xustifiquen a continuidade da Presidencia". "Este mandato adicional deberá ser autorizado, previamente, pola administración autonómica con competencias en materia de deporte", sinala o texto.

No debate do informe do relatorio, o deputado do BNG Iago Suárez, que criticou que os cambios na norma se tramitasen pola vía de urxencia, asegurou que había "problemas máis urxentes" no deporte que a duración dos mandatos das federacións e advertiu que a proposta do PP "creaba problemas" ao asegurar que na Galiza xa existen entidades deste tipo que teñen as súas propias limitacións de mandatos.

Por iso, o BNG propuxo unha emenda, coa que chegou a unha transacción o PP, para limitar a catro os mandatos, podendo chegar a un quinto no caso que se desen os citados requisitos para que a medida non tivese "tanto impacto" nas federacións.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG Paloma Castro considerou que a proposta inicial do PP presentaba "problemas técnicos e xurídicos" ao argumentar que a limitación a tres mandatos é "incompatíbel" co articulo 58.6 da lei, que dá esta decisión aos estatutos de cada entidade.

O deputado do PP Roberto Rodríguez, que subliñou que os cambios na lei non van "contra ninguén", considerou necesario que as federacións deportivas eleven o nivel de exixencia das súas normas de goberno con medidas que garantan unha "xestión irreprochábel dos seus recursos financeiros", como a duración limitada dos cargos".

Catro artigos e dúas disposicións

A mudanza da lei foi impulsada polo PP. Con todo, o BNG conseguiu introducir cambios co obxectivo de mellorar a norma e adaptala ás necesidades das federacións. En concreto, a modificación consta de catro artigos, unha disposición adicional e unha disposición última. Un dos obxectivos é que a Xunta da Galiza poida exercer a acusación popular nos procedementos penais derivados de episodios de violencia no deporte

Todo iso despois de que no pasado mes de febreiro falecese o home de 68 anos que estivo máis de dous meses ingresado na UCI tras sufrir unha agresión durante un partido de balonmán cadete feminino entre o Sanxenxo Balonmán e o Club Rasoeiro disputado en Vilalonga en decembro de 2024.

Ademais, despois do debate do proxecto de lei en relatorio, a norma estabelece prazos, conforme ao estabelecido na Lei de réxime xurídico do sector público, para as prescrición das infraccións e sancións: 3 anos, 2 anos e 6 meses para a prescrición de infraccións moi graves, graves e leves, respectivamente; e 3 anos, 2 anos e 1 ano para a prescrición de sancións moi graves, graves e leves.