O BNG consegue o compromiso do Goberno español de avanzar no financiamento da atención á dependencia
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, levou esta cuarta feira ao Pleno da Cámara a situación de infrafinanciamento do sistema de atención á dependencia, especialmente no caso galego, e urxiu o Goberno español a cumprir co compromiso de asumir 50% do financiamento, tal e como foi recollido no Acordo de Investidura conseguido pola formación nacionalista.
Durante a intervención do deputado nacionalista na sesión de control ao executivo, Rego lembrou que o Estado "continúa a incumprir este compromiso, asumindo apenas 41% en 2024 do financiamento no caso galego, segundo datos do propio Ministerio". Para o deputado nacionalista "esta realidade ten consecuencias directas na calidade de vida das persoas dependentes e nas condicións laborais do persoal do sector".
Rego, que lanzou o seu apoio ao persoal que traballa no sector, sinalou que "a Xunta cifra en 2.500 millóns de euros a débeda acumulada do Estado coa Galiza en materia de dependencia desde 2007", unha débeda que, segundo o BNG, "debe ser compensada". Tamén denunciou que o Goberno galego utiliza este incumprimento estatal como escusa para aplicar recortes que converten á Galiza "na comunidade con menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente (16% fronte a 23% da media estatal).
Compromiso político
Pola súa parte, o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, recoñeceu no mesmo pleno que “é un compromiso político que obtiveron vostedes e obtivemos nós e que quedou reflectido no acordo de goberno e que debe ser satisfeito.
Neste sentido, Bustinduy contestou que ese "compromiso" obtívoo tanto o BNG como Sumar, pero engadiu que "non é unha obrigación preexistente como di agora rachándose as vestiduras o Partido Popular, que segue sen pedir perdón por recortar 5.406 millóns de euros da dependencia coas súas políticas malditas de austeridade".