O BNG avanza que non acudirá á Xunta de Goberno da Deputación de Lugo ao estar presidida por José Tomé
A Deputación de Lugo manterá esta sexta feira a que podería ser a última Xunta de Goberno antes da saída do agora presidente da institución en funcións, José Tomé. O BNG, segundo anunciou a formación nacionalista, non acudirá debido a que o tamén alcalde de Monforte de Lemos, quen foi acusado de acoso sexual, será quen presida a sesión.
A representación nacionalista sinalou publicamente a súa intención de non acudir, do mesmo modo que fixeron a pasada semana, xa que José Tomé estará á fronte da mesma como presidente en funcións do Goberno da Deputación, cargo que mantén desde o día 12 de decembro, cando presentou a súa renuncia oficial, e presumibelmente até o 30 de decembro, cando tería lugar o pleno de cesamento.
Na xornada desta quinta feira presentouse para a súa aprobación a orde do día da sesión, que incluía, por erro, un punto no que se pedía a aprobación da defensa xurídica de José Tomé. Este punto foi retirado, xa que se incluíu por un erro técnico debido a que os estatutos da Deputación xa inclúen a defensa xurídica do presidente, un punto que non ten que ser aprobado neste organismo.
O resto de puntos, un número avultado debido a que se está fechando o ano, inclúen a aprobación de diversas licitacións de obras, así como da reforma do proxecto de investimentos do Plan Deputación, varios convenios con entidades e concellos ou a prórroga do contrato do funcionamento dos roteiros fluviais.
Ademais, tamén se inclúe a aprobación de subvencións a asociacións culturais ou a renuncia de clubs deportivos a varias delas, así como bolsas de estudos ou as axudas para adquisición ou rehabilitación do Plan de Vivenda. Inclúese, así mesmo, unha nova fase do programa E para dixitalizarse, Lugo.