O BNG alerta dunha "posíbel manobra" de Alcoa de "desmantelamento industrial" da súa factoría da Mariña
O BNG teme que detrás dos últimos movementos da dirección da multinacional Alcoa, con factoría en Cervo, na comarca da Mariña, se agoche "unha posíbel manobra de desmantelamento industrial" deste centro de traballo que ocupa de xeito directo e indirecto máis de 1.500 persoas.
Os nacionalistas reclaman ao Executivo do Estado "actuacións urxentes que garantan a continuidade da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo na planta de Alcoa".
O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, considera que "é inaceptábel que o Ministerio de Industria actúe como cómplice dunha estratexia que parece encamiñada a fechar a planta, igual que xa aconteceu na Coruña e Avilés".
"Hai un Memorando de Entendemento asinado entre a empresa, o Ministerio e a Xunta, que non é público e que o comité de empresa descoñece", asegura Rego, "mais xa se percibe que non garante nin os investimentos previstos nin o futuro da fábrica".
Rego advirte de que a utilización do apagamento como escusa para atrasar ou anular o reinicio da produción forma parte dunha "manobra deliberada da empresa", que "leva anos amagando con fechar" e que se aínda non o fixo foi pola presión sindical, social e política.
Iniciativa no Congreso
O deputado nacionalista reclama ao Executivo do Estado vontade política para facer fronte a esta situación e reclama información sobre "que accións iniciará o Goberno para asegurar o mantemento da actividade e do emprego en San Cibrao, ante a recente comunicación de Alcoa aos traballadores e traballadoras".
O dirixente do BNG demanda que o Executivo obrigue a empresa a realizar os investimentos comprometidos, en especial a construción do forno de ánodos, clave para a continuidade da actividade.
Rego lembra que o Estado debe estar preparado para intervir a factoría de aluminio a través da Sociedade Estatal de Participacións Industrias (SEPI) e lembra as iniciativas nesta dirección aprobadas no Congreso.
"Intervención pública"
"O Goberno non pode seguir de brazos cruzados", afirma Rego, "ten que actuar con decisión e pór os intereses da industria e do emprego por riba dos da multinacional. Se Alcoa non quere producir, que o diga, e que deixe paso a quen si queira facelo. Sempre hai unha opción: a intervención pública".