O BNG alerta do fechamento de até 16 oficinas de Correos na Galiza

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego ve a decisión como unha "agresión" ao rural.

O BNG alerta da intención do Goberno do Estado español de avanzar no fechamento de até 16 oficinas de Correos na Galiza. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifica esta decisión como un "novo golpe ao servizo postal público e unha agresión directa ao rural galego" e reclama ao Executivo que rectifique de inmediato os recortes recollidos no documento interno de Correos Cambios Operativos. Nova Segmentación e Plan de Ordenación.

Segundo explica Rego, este plan introduce criterios que penalizan especialmente as poboacións rurais e os concellos máis pequenos, ao limitar a existencia de oficinas postais aos municipios con máis de 3.500 habitantes e permitir que nas zonas de baixa densidade a distancia até a oficina máis próxima poida chegar a estar a 20 quilómetros.

O deputado nacionalista subliña que o cadro de "Ordenamento da Rede" confirma que Galiza é unha das zonas máis prexudicadas, consolidando "unha política de desmantelamento progresivo de Correos que se vén realizando xa nos últimos anos" mediante a redución de persoal, de horarios de atención ao público e de recursos, especialmente no ámbito rural. Rego tamén denuncia que Correos pretenda xustificar estes recortes coa "caída dos envíos tradicionais" para priorizar a diversificación do negocio, "centrada fundamentalmente na comercialización de seguros privados de AXA".

"É absolutamente incoherente que se fechen oficinas e se obrigue o persoal a vender seguros privados cando a prioridade debería ser garantir un servizo postal público, accesíbel e de calidade", afirma o deputado. Ante a proposta do executivo, Néstor Rego exixe que se paralice calquera plan de fechamento de oficinas de Correos na Galiza, que "discriminan" o rural.