O BNG acusa o PP de "ocultar información" de contratos públicos

O deputado nacionalista, Iago Tabarés, esta sexta feira en rolda de prensa. (Foto: Arxina)
O nacionalista entende que se converteu a comisión nun “lamentábel episodio de corrupción e degradación democrática e institucional”.

O deputado do BNG, Iago Tabarés acusou onte o PP de querer “dar carpetazo” á comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta da Galiza. O nacionalista entende que se converteu nun “lamentábel episodio de corrupción e degradación democrática e institucional”, facendo “todo o posíbel” desde o primeiro momento “para que os galegos e as galegas non coñezan a verdade sobre o subrecusto do Álvaro Cunqueiro e o trato de favor nas contratacións menores e de emerxencia na pandemia”. 

Tabarés afirma que se constataron “os extraordinarios prexuízos económicos” provocados "pola privatización da construción e xestión do hospital vigués", cun sobrecusto de 470 millóns de euros, e a utilización “abusiva e irregular” da contratación discrecional “en beneficio de familiares e altos cargos do PP e en prexuízo da cidadanía e do tecido empresarial galego. 

Só en base á información do “escasamente transparente Portal de Transparencia da Xunta”, explicou, sábese que entre os anos 2018 e 2023 o Executivo do PP "adxudicou 4.000 millóns en máis de un millón de contratos menores". 

Casos concretos

O deputado nacionalista puxo como exemplo do “abuso de contratos menores” o caso de Eulen, “a empresa que dirixe na Galiza a irmá de Feixóo, que só nos últimos cinco anos recibiu máis de 7 millóns de euros en contratos de limpeza de escolas infantís”.

Ademais, lembrou a empresa do irmán da actual secretaria xeral da Presidencia da Xunta, “que só nos últimos sete anos recibiu case 800.000 euros por traballos que poderían realizarse desde a función pública”. Desta cantidade, precisou, “286.000 euros foron adxudicados a través da Axencia de Turismo da Galiza, adscrita á Consellaría de Presidencia da que foi secretaria xeral Beatriz Cuíña”.