O BNG acusa o PP de asaltar a CRTVG para utilizala como "leira particular" e "terminal de propaganda"
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, considerou que o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, aprobado esta segunda feira polo Goberno de Alfonso Rueda, é "un auténtico asalto do PP á CRTVG" para "facerse co control absoluto dos medios públicos e para seguir usándoos como o seu terminal de propaganda particular".
"Con esta lei queren seguir utilizando a radio e a televisión, que pertencen única e exclusivamente ás galegas e aos galegos, como se fose a súa leira particular, cun grao de manipulación que xa roza o obsceno cada día", asegurou a deputada nacionalista, que considerou "toda unha declaración de intencións" que o PP aprobe o proxecto normativo no medio dunha folga, despois de centos de venres negros [341] do cadro de persoal da CRTVG e xusto despois da manifestación do pasado sábado no que as traballadoras e os traballadores reclamaron uns medios públicos e plurais "entre denuncias de manipulación informativa e represalias contra xornalistas".
"Retroceso democrático"
Segundo asegurou, o PP "deixa claro que a CRTVG non lle importa o máis mínimo" cun proxecto de lei que, ademais, supón "un enorme retroceso democrático". Criticou así que se reduza a unha maioría simple o apoio necesario para a elección da Dirección Xeral da corporación de medios públicos "facendo en Galiza o que o PP critica tanto que outros fagan en Madrid", apuntou.
Rodil lamentou o rexeitamento sistemático do Partido Popular ás propostas do BNG, que ao longo dos últimos anos intentou en "múltiples ocasións" impulsar a renovación da Dirección Xeral da CRTVG con arranxo ao disposto na lei de 2011 ou a través dun procedemento "máis democrático e máis transparente" como o concurso público.
Fronte ás propostas nacionalistas, expuxo a deputada, o Executivo de Alfonso Rueda "non quere renovar a dirección xeral nin evitar bloqueos" senón "poñer a dedo a unha persoa afín que faga o que diga o partido e que siga poñendo os medios públicos de Galiza ao servizo único e exclusivos do PP".
Elimina o Consello de Informativos
No proxecto de lei aprobado polo Consello da Xunta, recalcou a portavoz parlamentaria do Bloque, elimínase tamén "calquera espazo de participación" dos profesionais da televisión e a radio públicas, pois suprime o Consello de Informativos e do Estatuto Profesional, intentando "silenciar as e os xornalistas e impedirlles exercer o seu traballo con profesionalidade e liberdade informativa".
Olalla Rodil advertiu, por outra parte, que a lei que o PP levará agora ao Parlamento "abre a porta a outras linguas distintas do galego", fundamentalmente o español, cando a CRTVG naceu, e así se recolle nos seus principios fundacionais, para contribuír ao proceso de normalización da nosa lingua". Ao respecto, subliñou que xusto cando acaba de publicarse o informe do IGE que apunta que máis do 32% dos nenos e nenas de entre 5 e 14 anos saben falar galego "pouco o nada" o PP queira permitir o uso de cartos públicos "para promocionar na CRTVG o español". "Como se tivese poucos espazos audiovisuais", ironizou.
A viceportavoz nacionalista concluíu facendo un chamamento á sociedade galega para que se mobilice en defensa dos medios públicos que lle pertencen, e que son un dereito fundamental do conxunto dos galegos e as galegas. Pediu para iso o apoio á iniciativa lexislativa popular Liberemos a Galega, impulsada por organizacións e entidades sociais de todo o país. "A radio e a televisión públicas pertencen e débense aos galegos e as galegas, non ao PP", recalcou.