O BNG acusa Gómez Caamaño de "agochar" información sobre o concerto con Povisa

Montse Prado, esta terza feira no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario).
Sanidade afirma que "ninguén vai obrigado" á privada.

A voceira parlamentaria de Sanidade do BNG, Montse Prado, denunciou esta cuarta feira no Pleno do Parlamento galego os efectos que está a ter na sanidade pública galega, e nomeadamente na de Vigo, o que denominou como “modelo privatizador do PP”, por empregar a Xunta da Galiza unha política “que prima a conta de resultados das multinacionais e das súas empresas amigas á custa da atención sanitaria da poboación”. 

“Canto máis diñeiro lle entrega o PP ás empresas privadas hai peor sanidade pública”, advertiu Prado, quen sinalou a área sanitaria de Vigo como o “exemplo máis claro” e o “banco de probas” da estratexia do PP, “asaltando o público para engordar a conta de resultados das empresas”. 

Neste sentido, Prado acusou o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, de agochar a información sobre o novo concerto que se está a negociar coa empresa privada Povisa, "á que se lle está permitindo que faga unha chantaxe permanente”, cun concerto que rematou en agosto de 2022, que foi prorrogado até 2024 e que agora se está a negociar.

Ademais, denunciou que, a día de hoxe, "non se coñece o contido deste contrato de servizos cun aumento -segundo o anunciado- de máis de 16% por menos poboación atendida e por menos prestacións". Por este motivo, Prado reclamou á Consellaría que garanta que ese 16%  vaia "a mellorar a calidade asistencial e as condicións laborais e salariais do persoal". 

"Ninguén vai obrigado"

Gómez Caamaño, pola súa parte, afirmou que o contrato entrará en vigor o 1 de abril e, sobre as críticas, respondeu que a este centro sanitario "ninguén vai obrigado" e a xente pode "elixir libremente" ir ao Cunqueiro. Sobre as aclaracións que se solicitan, cre que "están máis que explicadas".