O BNG acusa ao PP de pretender coa reforma do IGE o seu "control político"

A deputada do BNG, Noa Prsas onte no Parlamento. (Foto: Europa Press)
Noa Presas ve ao PP "cada vez máis botado ao monte".

O BNG denunciou esta quinta feira a tentativa da Xunta da Galiza de reformar o funcionamento do Instituto Galego de Estatística (IGE). Os nacionalistas ven detrás desta proposta a vontade do Goberno do galego por controlar o organismo.

A voceira da área de Facenda e Función Pública do grupo parlamentario do BNG, Noa Presas, asegurou que a "reforma pola porta de atrás" do IGE impulsada polo Executivo de Alfonso Rueda responde ao "afán de control político" deste organismo. Na mesma dirección, sostivo que “pon en cuestión” a súa imparcialidade e abre a porta á privatización de "información sensíbel" da administración galega.

"Independencia profesional e imparcialidade son principios reitores do IGE por lei e agora están en xaque polo afán privatizador e de control político do Partido Popular", advertiu Presas, quen asegurou que os plans anunciados polo Goberno galego esta mesma semana fan "saltar polos aires" a Lei de estatística aprobada por unanimidade no Parlamento hai menos de tres meses. Neste sentido, cualificou a proposta  como un "paso máis no baleirado de contido de organismos do noso autogoberno".

“É unha reforma que se enmarca na deriva autoritaria e antidemocrática do PP de Rueda”, continuou a deputada nacionalista, “un PP cada vez máis botado ao monte que acaba de anunciar un paso máis para dinamitar e diluír o autogoberno galego e para afondar no control político de organismo públicos que deben ser independentes". Nesta perspectiva, considerou que pretende "amoldar a realidade aos desexos do Partido Popular”. 

Presas criticou que a proposta do PP contempla a licitación dun contrato para que empresas tecnolóxicas centralicen e exploten datos dos que dispón a Xunta. Nesta liña, afirmou que “isto é gravísimo e vai na dirección contraria da lexislación, que sitúa a independencia profesional e a imparcialidade como principios reitores do IGE".