O BNG e o PSdeG pactan 12 acordos para unha moción de censura en Noia que desbanque o popular Santiago Freire
Ambas as forzas asinan un acordo que abre as portas a que o PP perda a Alcaldía da localidade e unha mudanza nas liñas de Goberno.
O BNG e o PSdeG asinaron un acordo coa intención de “impulsar un cambio político en Noia”, a través dunha moción de censura contra o actual rexedor do PP. "A nefasta xestión de Santiago Freire [actual alcalde] lévanos a dar este paso, queremos que haxa unha mudanza de rumbo ante a cada vez máis desnortada forma de funcionar dun Concello carente de folla de ruta", salienta o portavoz da formación nacionalista en Noia, Ricardo Suárez.
"As eivas da acción de Goberno do PP e do NO.I.A. non poden continuar. É preciso acabar cunha situación que cada vez é máis calamitosa. Noia está cada vez máis abandonada e o clientelismo é cada vez máis grave", asevera o portavoz do BNG.
Neste sentido, no documento asinado por Ricardo Suárez e Francisco Pérez, portavoces do BNG e do PSdeG de Noia, a formación nacionalista pon 12 condicións para a investidura do socialista. "Trátase de 12 compromisos e liñas de actuación para que o cambio na Alcaldía implique unha mellora da nefasta xestión do Goberno actual", explica Suárez.
"O noso apoio non será un cheque en branco. O noso único compromiso e a nosa única lealdade é con Noia e cos intereses de Noia", afirma o nacionalista. "Seguiremos de perto o cumprimento destas 12 condicións se a investidura de Pérez prospera, e manteremos unha actitude activa para seguir a acción de Goberno e buscar acordos que satisfagan as necesidades da veciñanza", conclúe.
Entre as condicións nacionalistas está a de que o novo Goberno local non se apoie para sacar adiante as propostas nin no PP non en NO.I.A; o compromiso de a aprobar unha redución do gasto político no Concello de Noia en 20%; estabelecer un plan plurianual para a culminación do saneamento integral do municipio ou tamén aprobar a redacción e implementación dun plan de mobilidade para a xestión do tráfico rodado.
Outros acordos entre ambas as dúas formación son a de estabelecer contactos con Portos coa intención de frear a intención desta institución de estabelecer unha explanada de 6.300 m2 de formigón no paseo marítimo e negociar un novo proxecto integral para esta localización; ou impulsar a cesión de solo para vivenda pública.
Por outra parte,fontes do PSdeG aseguran que os contactos para a moción de censura coa Marea de Noia e do concelleiro non adscrito "están moi avanzados"