Besteiro urxe Rueda a pór en marcha "todos os recursos dispoñíbeis" para extinguir o incendio do vertedoiro da Rúa
O líder da formación socialista alerta do perigo para a saúde dos gases provocados por un lume que leva ardendo esde o pasado 15 de agosto a raíz de un incendio forestal.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, exixiu esta terza feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que deixe de "mirar para outro lado" e asuma as súas competencias en materia de emerxencias e saúde pública. Logo dunha visita que tivo lugar na segunda feira, Besteiro reclama ao Goberno galego que que poña "todos os recursos dispoñíbeis" na extinción do incendio do depósito de Residuos Non Perigosos das Pedreiras, no concello da Rúa (Valdeorras), que está a derivar nun problema de saúde pública.
O responsábel socialista denuncia que a "despreocupación e o abandono" de Rueda e do Goberno galego cara a este concello do interior está a "pór en risco" a saúde da veciñanza da Rúa e dos concellos limítrofes afectados polo fume e os gases tóxicos provocados por un lume que leva 12 días ardendo.
Besteiro critica que a "única resposta" fose enviar unha nota de prensa sinalando a responsabilidade do Concello e limitándose a facer seguimento da calidade do aire cando se trata dun incendio que "está a xerar un problema de saúde pública". Lembra que o incendio foi provocado polo incendio forestal Seadur-Larouco, e explica que "nunca se nos ocorrería dicirlle a un particular que é a súa responsabilidade apagar o lume forestal que está a consumir a súa casa".
Rueda, "ausente"
O secretario xeral do PSdeG subliña que "o que pasa na Rúa é a proba de como goberna Rueda: sempre ausente cando hai problemas" e lembra que é o máximo responsábel dun Goberno que "desaparece cando hai que estar e dar a cara", o que, engade, "co que está en xogo, é inaceptábel". Besteiro lamenta que "isto non é novo", senón que deriva de "17 anos de Goberno do PP nos que o rural foi quedando atrás, sen apoio nin solucións".
Besteiro estivo acompañado na súa visita pola tenente de alcalde do Concello da Rúa, Ana Fernández, quen reclama a "axuda" da Xunta para colaborar na extinción deste lume que suporía mobilizar até 14.000 metros cúbicos de terras, ademais de equipamento especial para o persoal, uns recursos moi lonxe do alcance dun concello "pequeno con recursos limitados".
A responsábel socialista no Concello advirte que "o incendio seguirá ardendo e contaminando o Concello da Rúa e aos de arredor mentres non poñan recursos enriba da mesa para axudarnos na súa extinción".