Besteiro insta Rueda a incluír a memoria democrática nos Orzamentos porque "non hai reparación no esquecemento"
Nesta segunda feira reinícianse os traballos de exhumación na foxa común do cemiterio do Val, en Narón (Ferrolterra), unha das máis grandes do país.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta segunda feira o cemiterio do Val, en Narón (Ferrolterra), con motivo do reinicio dos traballos na foxa común na que repousan máis de medio cento de vítimas do golpe de Estado de 1936 e da posterior represión exercida pola ditadura franquista. “Non hai reparación no esquecemento; a reparación está no coñecemento, na divulgación, no recordo”, asegurou o líder socialista xunto á zona na que nesta mesma xornada comezaron as exhumacións.
Besteiro mostrou o compromiso do PSdeG coas iniciativas a prol da recuperación da memoria e da busca dos restos das persoas asasinadas, para entregarllos ás familias. Por ese motivo esixiulle ao Goberno de Alfonso Rueda que nos Orzamentos da Xunta da Galiza para o vindeiro ano inclúa unha partida “específica” para a memoria democrática. Eses fondos deberían sumarse “aos que xa achega o Estado todos os anos”, e que contribúen “non só á investigación e á recuperación de restos, senón tamén á divulgación, tan importante para que nunca máis cometamos os erros que xa cometemos no pasado”, afirmou.
Segundo os estudos preliminares, na fosa común do Val están enterradas 51 persoas, entre elas un bo número de integrantes da dotación do acoirazado España, que permaneceron fieis á República, ademais de mariñeiros doutros barcos e veciños e veciñas de Ferrolterra.
Con esa intervención, xunto coa que se vai desenvolver na fosa de Cabreira, en Salvaterra de Miño (O Condado), completaranse na Galiza os traballos do primeiro Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, posto en marcha polo Goberno estatal. Durante os últimos catro anos, o grupo de investigación Histagra da USC encabezou un traballo interdisciplinar que se desenvolveu en 11 das cen foxas que xa hai identificadas no país.
Nese período de tempo, o Estado español financiou con 435.000 euros as actividades relacionadas coa memoria democrática na Galiza. A iso súmase o compromiso de que a Universidade de Santiago liderará a elaboración dun censo de vítimas da Guerra Civil e da ditadura a nivel estatal, dado que a fórmula para a elaboración do censo galego xa se está a replicar noutros puntos do Estado debido á súa efectividade.
Segundo o PSdeG, a día de hoxe, non existe nas contas autonómicas ningunha partida destinada a proxectos de investigación ou calquera outra actividade relacionada coa memoria democrática, e os fondos que o Estado español lle achega á Xunta inclúense en capítulos destinados ao fomento da cultura.
Gratitude aos corpos de seguridade, ao Exército e aos servizos de emerxencias
Durante a súa visita ao cemiterio do Val, Besteiro tamén se referiu ás consecuencias da DINA no Levante, especialmente no País Valencià. Trasladoulles ás persoas que están padecendo a catástrofe “solidariedade, cariño e apoio”, ao mesmo tempo que expresou a súa gratitude ás forzas e corpos de seguridade do Estado español, ao Exército e aos servizos de emerxencias da polo “enorme esforzo que están facendo”.
Por outra banda, condenou “os actos violentos dirixidos pola ultradereita contra as institucións de España”. Nese senso, instou a todas as forzas políticas a sumarse á repulsa a este tipo de ataques “contra a democracia” que se levan a cabo “aproveitando e xerando confusión”.