Besteiro di apreciar melloras na conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña mais aposta por un novo trazado que reduza os tempos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avogou este domingo por un novo trazado ferroviario que conecte Ferrol e A Coruña en entre 30 e 35 minutos, mentres a súa formación traballa para que o Goberno español incorpore unha partida específica nos orzamentos.
O líder da formación socialista galega fixo parte da multitudinaria manifestación decorrida en Ferrol para pedir melloras ferroviarias, convocada este domingo polo Foro Cidadán Polo Ferrocarril, que estima a asistencia en 30.000 persoas, mentres que a Policía local rebaixa esta cifra a 10.000.
En declaracións aos medios de comunicación previas no arranque da mobilización, Gómez Besteiro reclamou un servizo "digno, público e sostíbel" e, aínda que apreciou as melloras sobre o trazado actual, non as ve "suficientes" e aposta pola creación dun novo.
Neste sentido, avanzou que o PSdeG traballa para que o Goberno español incorpore no próximos orzamento unha partida específica para o novo trazado ferroviario, reclamado por miles de persoas na rúa. "Os socialistas facemos a nosa parte. Agora queda por ver se o PP votará a favor dos orzamentos ou volverá porse de costas á comarca", criticou.
Críticas a Xunta
Nesta liña, incorporou unha crítica directa ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a quen acusou de non ter Ferrolterra "nas súas prioridades", o que exemplificou aludindo ao transporte por estrada na comarca.
"Demandamos que a Xunta de Galicia e o Partido Popular se poñan as pilas. Unha comarca que está absolutamente abandonada e que, falando de transporte por estrada, non hai máis que déficit", censurou o líder socialista.
Ademais, o secretario xeral do PSdeG considerou que a situación que vive Ferrolterra co transporte por estrada é un reflexo do que "sucede en toda Galiza", con "liñas con poucas frecuencias, liñas masificadas e autobuses que non chegan".