Besteiro defende en Viana "servizos públicos" para o rural fronte aos recortes da Xunta

José Ramón Gómez Besterio cun boteiro Viana do Bolo. (Foto: Nós Diario)
Coincidindo co domingo de Entroido, gaboa o "dinamismo" que amosan moitos municipios do interior nos que o Goberno galego segue a "reducir servizos esenciais".

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este domingo que mentres festas como o Entroido de Viana do Bolo mostran "identidade e dinamismo", a Xunta da Galiza continúa "reducindo servizos esenciais no interior".

Besteiro achegouse ao Domingo Gordo de Viana, onde reivindicou a "satisfacción" de visitar as comarcas do oriente galego con motivo dunha festa tan sinalada como é o Entroido sen esquecer que apenas uns meses atrás estiveron ligada a "circunstancias ben tristes", polos incendios forestais do verán. A visita coincidiu coa celebración da festa dá Androlla e co desfile de fulións, boteiros e carrozas, unha imaxe que, ao seu xuízo, demostra que "o rural ten vida e capacidade".

Besteiro insistiu en que Galiza "non pode permitirse avanzar a dúas velocidades" e advertiu de que, mentres estas festas "mostran identidade e dinamismo", a Xunta "continúa reducindo servizos esenciais" no interior.

"O noso rural ten futuro se defendemos os servizos públicos e investimos para crear oportunidades", afirmou, facendo referencia á "necesidade" de reforzar a sanidade, a educación e o apoio ao sector primario e a súa industria de transformación.

Lei de administración local

En relación co anteproxecto de lei de administración local anunciado polo Goberno galego, advertiu que "se non garante os recursos necesarios para que os municipios presten os seus servizos públicos en condicións, o mellor que poden facer é retirala".

Ao seu entender, son precisamente os municipios rurais os que están "a asumir cargas que exceden as súas posibilidades" para "suplir carencias doutras administracións". "Ademais de cultura e de historia, o noso rural merece futuro", concluíu.