Besteiro cualifica de "boa noticia para a Galiza" a denegación de axudas a Altri e reafírmase: "O proxecto non encaixa no Perte de descarbonización"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegura que o Ministerio de Industria ratificará esta cuarta feira que Altri non accederá ao Perte de descarbonización e móstrase "convencido" de que tampouco poderá optar ás axudas extraordinarias, sobre as que non concretou contías.
Besteiro ofreceu declaracións antes de acceder ao hemiciclo do Parlamento galego para participar no Debate sobre o Estado da Nación, defendendo que se trata dunha "boa noticia para Galiza, aínda que non unha noticia nova".
Así, lembrou que hai meses el mesmo aseguraba ter a "convicción" que agora se confirma coa resolución do Perte de descarbonización, "de que Altri non era merecedor desas axudas porque entendía que non era un proxecto que descarbonizara, entendía que non entraba dentro dos obxectivos rigorosos dos pertes". "Isto non forma parte dun proxecto de darche axudas a ti si e a ti non, discrecionalmente. Hai comisións de valoración técnica, hai informes técnicos que apoian esas decisións", defendeu.
Fóra das axudas extraordinarias
A mesma convicción, dixo, ten sobre as axudas extraordinarias, avanzando que tampouco considera que o proxecto vaia a ser merecedor das mesmas. "Como di a mesma expresión de axudas extraordinarias europeas, ten que ser un proxecto extraordinario: extraordinario medioambientalmente, con innovación industrial, na súa propia planificación, no desenvolvemento; extraordinario para Galiza. Nese sentido, creo que non cumpre tampouco esas condicións", aseverou.
Para o secretario xeral dos socialistas galegos, esta "boa noticia" debe "convidar" o Partido Popular a "reconsiderar a súa posición" en relación ao proxecto. "É un bo momento para que todos reconsideren esa posición e, fundamentalmente, o PP e o propio proxecto empresarial. Creo que non é un proxecto que se condicione aos novos tempos que require a economía, non soamente galega, tamén española e europea", apelou.
Preguntado sobre se a resolución sería distinta de escollerse outro emprazamento –como o municipio das Pontes (Eume)–, considera que nada cambiaría, xa que os pertes "teñen unhas normas". A este respecto, pediu respecto para os técnicos encargados de elaborar os informes, "como se pide para os técnicos de Galiza".