Besteiro chama á "responsabilidade contra o silencio e a indiferenza" fronte ao xenocidio en Palestina

Besteiro, na mobilización pro palestina este 5 de outubro en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O líder do PSdeG participou na manifestación de Compostela, onde advertiu de que "non cabe a indiferenza" ante o xenocidio e defendeu o compromiso coa paz e a xustiza.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este domingo un chamamento a exercer "a responsabilidade contra o silencio e a indiferenza" fronte ao xenocidio do pobo palestino. Fíxoo durante a súa participación na manifestación nacional convocada en Compostela, que reuniu milleiros de persoas en solidariedade con Palestina e en denuncia da ofensiva israelí sobre Gaza.

Besteiro asegurou que a mobilización social na Galiza e no resto do mundo constitúe "un clamor que lle chega a quen padece o xenocidio e tamén aos xenocidas, aos que levantan muros e sementan o odio, e a quen xustifica a barbarie". Para o líder socialista, "non cabe a indiferenza: é o momento de tomar postura en favor da paz, da liberdade e da xustiza".

O líder dos socialistas galegos subliñou a mensaxe de apoio ás vítimas e contra os verdugos, que "lanzamos todos os que nos comprometemos para pór fin á barbarie e para loitar por unha sociedade máis xusta e máis solidaria na que reine a paz".

Besteiro encabezou a delegación socialista galega que participou na marcha, xunto con outros cargos do partido e representantes institucionais, que se uniron ás múltiples voces que reclamaron o fin da ocupación e das operacións militares sobre Gaza.