Besteiro chama no 25-N a enfrontar o "negacionismo da dereita compracente"

Gómez Besteiro, María González, Pedro Branco e Inés Rei, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
O socialista urxe a fin das ameazas ás mulleres.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou esta terza feira desde A Coruña a manterse "firmes" ante "esas posturas negacionistas que cada vez avanzan máis desde a ultradereita e que tamén absorbe a dereita compracente”.

No Día Internacional Contra a Violencia Machista, o líder socialista reclamou “a fin das ameazas e do medo” que sofren as mulleres "polo simple feito de seren mulleres". “Contra a violencia machista, nin un paso atrás”, defendeu, minutos antes de asistir ao acto institucional na Delegación do Goberno español na Galiza, durante o que participou na lectura do manifesto con motivo do 25N.

“A concienciación social serve, a presión social serve, e que todos vaiamos na mesma dirección serve para que non se produza violencia machista”, afirmou. Tamén reclamou "firmeza e contundencia", como mostran xa "a inmensa maioría dos galegos e das galegas, fronte a quen nega a violencia, aspira ao retroceso das leis e normaliza espazos de violencia tamén no ámbito dixital". Besteiro finalmente demandou unha "crítica constante, día a día".