Besteiro avisa os edís díscolos de Compostela: incumprir as normas ten "a mesma consecuencia" que para Muíños

O líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Arxina)
Concelleiros socialistas apoian o aínda portavoz municipal do PSdeG, Gonzalo Muíños, suspendido por Ferraz de militancia e cargo durante anos e medio.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avisou os concelleiros díscolos do Partido Socialista de Santiago de Compostela que deben cumprir as normas do partido: "As condutas que vaian en contra dese marco de dereitos e de deberes teñen tamén a mesma consecuencia", afirmou.

O xefe de filas do PSdeG pronunciouse deste xeito ao ser preguntado esta segunda feira en rolda de prensa polas consecuencias que poderá ter para os concelleiros que apoian o aínda portavoz municipal do PSOE, Gonzalo Muíños, –suspendido ano e medio por mor do conflito coa Dirección local– se continúan desatendendo as directrices.

En concreto, agora estes edís opóñense a ratificar Guimersindo Guinarte como novo responsábel da portavocía ao asegurar que a composición do Grupo Municipal Socialista "non varía" e que a sanción a Muíños, ratificada por Ferraz, "non é firme".

A respecto disto, Besteiro asegurou que todos os militantes coñecen "cales son os seus dereitos, pero tamén os seus deberes" e que ese é o marco no que se teñen que "mover". "Eu móvome no marco de absoluto respecto á decisión do partido en relación con ese expediente disciplinario e, por tanto, condutas que vaian en contra dese marco de dereitos e deberes, pois teñen tamén a mesma consecuencia", afirmou.

As normas están para se cumprir

O secretario xeral dos socialistas galegos apelou a "traballar por un futuro mellor para a cidade" un labor na que "todos teñen que sumar" e incidiu en que "o exercicio de dereitos e deberes" incumbe a todos os socialistas, "desde o secretario xeral até o último home e muller que se incorpore ao partido na militancia de calquera agrupación da Galiza", dixo.

Neste punto, preguntado se estes concelleiros serán expulsados se continúan sen aceptar as directrices da Dirección, o xefe de filas do PSdeG sostivo que el "non pode facer valoracións apriorísticas" de que "un determinado comportamento vaia desencadear unha determinada circunstancia".

"O que si está claro é que o marco dos dereitos e deberes creo que é claro, ou debería ser claro, para os membros deste partido e para os que nos incorporamos a un labor institucional extraordinariamente importante e responsábel, que implica tamén o cumprimento das nosas normas", dixo.

Besteiro lembrou que formar parte dun partido "é unha cuestión voluntaria", pero que "tamén é obrigado cumprir os seus preceptos" e subliñou que, a partir de aí, o que toca é "impulsar e apoiar" o PSdeG na capital da Galiza.

Por último, cuestionado sobre se falou con algún destes concelleiros díscolos ou cos membros do partido que lle trasladaron o seu apoio, como o ex alcalde da cidade Xosé Sánchez Bugallo, Besteiro explicou que non mantivo conversas con eles e enmarcou a cuestión no ámbito local.