Besteiro acusa Rueda de facer un ano á fronte da Xunta "sen proxecto nin respostas"
O líder do PSdeG acusa o presidente do Executivo galego de deixar pasar oportunidades e amosar “morneza” na defensa dos intereses galegos, mentres se centra na súa imaxe persoal.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este domingo balance do primeiro aniversario da investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta da Galiza. Un ano, segundo o socialista, no que o país perdeu tempo e oportunidades, sen avances reais nin respostas aos problemas que afectan a maioría social.
Besteiro criticou que o actual presidente “non representa unha alternativa” nin ten un proxecto claro para o país. “Faise un ano de Rueda á fronte da Xunta, mais non debemos esquecer que os dezaseis anos anteriores de políticas erradas do PP tamén levan a súa marca”, afirmou, en referencia ao tempo no que foi número dous de Feixoo.
Na súa intervención, o dirixente socialista advertiu que Galiza carece de liderado e sofre a falta de atención ás súas prioridades sociais. Citou como exemplos o “colapso” da sanidade pública e as dificultades da mocidade para acceder a unha vivenda, cuestións que, ao seu xuízo, evidencian “o fracaso nas prioridades sociais do Goberno galego”.
Tamén cargou contra o proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa), o cal cualificou como “macrocelulosa que a Galiza non necesita”. Para Besteiro, a aposta do PP por esa iniciativa empresarial “de escasa viabilidade e forte contestación social” non encaixa cun modelo sostíbel e centrado no interese común.
“Máis preocupado pola súa imaxe”
O secretario xeral do PSdeG acusou Rueda de centrarse na súa proxección pública máis que na xestión. “Segue máis preocupado pola súa imaxe que por dar solución aos problemas da xente”, afirmou. A modo de exemplo, citou a resposta “morna” do presidente ante a crise provocada polos aranceis aos produtos galegos.
Besteiro lembrou que enviou recentemente unha carta ao titular da Xunta ofrecéndolle cooperación e solicitando unha reunión para abordar a situación. “Unha man tendida que foi rexeitada, porque Rueda prefire non facer nada antes que sentar a falar”, lamentou.
Críticas á influencia de Feixoo
Segundo o líder do PSdeG, o comportamento de Rueda responde “á estratexia que lle marca Feixoo desde Madrid” máis que ao exercicio responsábel das súas funcións como presidente do Goberno galego. “A Galiza non pode seguir atrapada na inercia”, advertiu.
Besteiro reclamou unha alternativa política “seria e con proxecto”, baseada na defensa dos servizos públicos, o acceso á vivenda, o benestar social e un modelo de desenvolvemento sustentábel.