Asinado o convenio para o acondicionamento da senda do Xallas
Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, destaca a senda do Xallas como un recurso "para a xente local" e como "elemento tractor" para o turismo de natureza.
A Deputación da Coruña asinou esta segunda feira, 2 de febreiro, en Mazaricos (Xallas) un convenio de cooperación co Concello para o cofinanciamento do proxecto de acondicionamento da senda do Xallas. O obxectivo é poñer en funcionamento "unha ruta paisaxística que discorre en paralelo ao río ao longo de 70,3 quilómetros e de poñer en valor os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos". No acto, a institución provincial estivo representada polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, quen rubricou o texto canda o alcalde mazaricán, Juan José Blanco, e a CEO de Xeal, María Couto. Tamén estiveron presentes os rexedores de Zas (Terra de Soneira), Manuel Muíño, e de Santa Comba (Xallas), Alberto Romar.
O acordo, aprobado polo Pleno da Corporación provincial na sesión ordinaria celebrada o pasado 22 de decembro de 2025, instrumenta unha subvención nominativa destinada a financiar as obras do proxecto, cun orzamento total de 368 749,18 euros. A achega da Deputación da Coruña ascende a 294 999,34 euros, o que representa o 80 % do investimento previsto.
A actuación está concibida tanto como un recurso de dinamización turística do rural como un medio para mellorar a mobilidade da veciñanza, ao tempo que promove a concienciación da poboación local e das persoas visitantes sobre a necesidade de protexer a biodiversidade e o patrimonio etnográfico asociado aos cursos fluviais. O deseño da senda "procura causar o mínimo impacto ambiental posíbel, afastándose en determinados treitos do leito do río para non perturbar a flora e a fauna existentes e evitando interferir na vida cotiá e no traballo da veciñanza dos lugares polos que transita".
Durante o acto, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que esta iniciativa será complementada polos proxectos previstos para a desembocadura do río —na zona da fervenza do Ézaro e o Monte Pindo e para as cabeceiras do propio Xallas. "Agora é importante que se materialice completamente esta senda, de algo máis de setenta quilómetros, e dar tamén a coñecer o patrimonio material e inmaterial da zona", sinalou.
O vicepresidente referiuse ademais á importancia que teñen os ríos nas actuacións da Deputación da Coruña, citando como exemplo o Plan de sostibilidade turística (PSTD) do río Anllóns, na bisbarra de Bergantiños, así como outras accións vinculadas ao río Lengüelle, xa na comarca de Ordes.
O convenio terá vixencia até o vindeiro 31 de outubro e forma parte das competencias da Deputación da Coruña en materia de asistencia e cooperación económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión, co obxectivo de contribuír á mellora do patrimonio provincial e ao desenvolvemento de proxectos de interese público e social.