Artai Gavilanes encabeza a candidatura para liderar Galiza Nova

Artai Gavilanes. (Foto: Nós Diario)

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, convocou a súa XVIII Asemblea Nacional para o vindeiro 29 de novembro. A súa Dirección Nacional aprobou este sábado unha candidatura de consenso, encabezada por Artai Gavilanes.

A organización xuvenil do BNG celebrou este sábado a súa última Dirección Nacional antes da XVIII Asemblea Nacional, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro no Salón de actos da ETSE en Santiago de Compostela.

A Dirección Nacional organizou este sábado o debate para a asemblea e acordou por unanimidade a candidatura á nova Dirección Nacional, que pasará a estar encabezada por Artai Gavilanes, da comarca de Ourense.

A Dirección puxo en valor o traballo feito durante o último período e nomeadamente o traballo da actual Secretaria Xeral, Marta Gómez, que recoñece que "a organización leva tempo nun momento de medre organizativo que require dun relevo que o acompañe, o traballo feito nos últimos anos é moi positivo". A Secretaria Xeral saínte mostrouse, aliás, "segura de que Artai será capaz de mantelo e melloralo".

Gavilanes, que foi candidato do BNG en diferentes procesos electorais, foi tamén responsábel da organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza. En declaracións a Nós Diario asegura encarar o reto con moitas ganas e coa ilusión de dalo todo para organizar a cada vez máis mocidade no proxecto emancipador de Galiza Nova. Así mesmo, sinala que o conxunto da proposta de lista da Dirección Nacional representa moi ben o sentir da xente nova deste país e está confiado en que traballarán arreo para ofrecer alternativas que ilusionen a mocidade galega e a sumen no camiño da liberación nacional.