Aprobado o proxecto de lei que busca rebaixar o consumo do alcohol en menores de idade

As ministras Mónica García e Pilar Alegría, esta terza feira en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O texto legal aprobado polo Consello de Ministros pon especial énfase na restrición da publicidade do alcol, para evitar seu impacto nos menores.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira o proxecto de lei estatal que vai a regular e tratar de rebaixar o consumo de alcohol entre os nenos e nenas e adolescentes. O texto recibiu o visto bo do Goberno español e pasará agora ao Congreso dos Deputados, onde terá que ser refrendado polos grupos parlamentarios.

O proxecto de lei prohibe en todo o Estado o consumo de alcohol aos menores de 18 anos -con multas semellantes ás do consumo de drogas na vía pública-, tampouco se poderá beber nin vender alcol -nin sequera para as persoas adultas- en centros educativos ou de ocio cun público maioritario menor de idade. O texto remata tamén cos patrocinios de bebidas alcólicas de actividades destinadas a este público. O proxecto de lei -como acontecera no seu día co tabaco- ten un dos seus focos principais en rematar coa publicidade do alcol en espazos con impacto nos menores de idade.

A ministra de sanidade, Mónica García, e a portavoz do Goberno español, Pilar Alegría, compareceron esta terza feira en rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello de Ministros. García explicou que o proxecto de lei “é tan urxente como necesario”, e asegurou que cando se aprobe no Congreso será “unha lexislación pioneira”. A ministra puxo o foco nos efectos do alcol sobre “o desenvolvemento cerebral da mocidade, o seu desempeño educativo e o risco de adicións na vida adulta”. Asegurou que “é un compromiso coas familias, os docentes, os profesionais sanitarios que atenden consecuencias e reclaman ferramentas e respaldo”.

Restricións nos anuncios

O texto legal aprobado polo Consello de Ministros pon especial énfase na restrición da publicidade do alcol, para evitar seu impacto nos menores de idade. En concreto o proxecto de lei prohibe a incitación explícita ao consumo na vía pública e tamén a exhibición de calquera logotipo ou marca de bebida a menos de 150 metros de colexios, centros sanitarios ou aqueles espazos nos que leven a cabo actividades os menores de idade.

Deste modo entrarían na prohibición as cadeiras, mesas e mobiliario dos bares e estabelecementos hostaleiros nos que aparezan bebidas alcohólicas nestas áreas susceptíbeis de acoller público menor de idade. Tamén prohibirá a publicidade de bebidas destiladas cero-cero, aínda que vía emenda o texto definitivo aprobado esta terza feira fará unha excepción coa cervexa e o viño sen alcol.