A aposta de Errejón fai dubidar a Villares; e Pontón insiste: menos Madrid e máis Galiza
A xornada en que se convocarán oficialmente as eleccións xerais para dentro de cincuenta días; Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento, presentou a súa candidatura ás primarias da formación que dirixe desde hai seis anos coa ambición de converterse na candidata á Presidencia da Xunta do autodenominado espazo dos comúns nas galegas de 2020.
A mañá na que Ana Pontón, líder do BNG, resumiu en cinco minutos os 10 anos de “incumprimentos” de Feixoo e noutros cinco a alternativa “de modelo de país” que levarán as nacionalistas ao debate do estado da nación de pasado mañá; Luís Villares topábase na encrucilla de elixir se manterse fiel á oferta realizada o sábado por En Marea para unha confluencia de forzas galegas progresistas ou prestar atención ás posibilidades que abre a entrada de Íñigo Errejón na batalla electoral das xerais.
Hai tres ou catro, ou máis campañas, en marcha, simultáneas. E cada forza estabelece prioridades. O PP e o BNG apuntan ao debate desta cuarta feira. O PSOE tratará de pasar polo debate sen mancarse para seguir forte cara ao 10N. O espazo dos comúns empeza a moverse coa mirada posta nas galegas do 2020. E Villares...
Villares lanzou o sábado unha proposta de coordinación electoral co resto de actores da esquerda galega. O domingo excluíu Podemos, e indirectamente Esquerda Unida. E esta segunda feira topouse coa reaparición de Errejón.
“O chamamento a unha candidatura galega é neste momento para nós unha prioridade. A nosa proposta é a única que está enriba da mesa. Eu penso que iso non é incompatíbel, é complementario, con buscar alianzas con outras forzas doutros territorios cos que compartamos axenda social e cos que poidamos negociar a implementación dunha axenda galega. As dúas cousas son compatíbeis”, dixo Villares nunha rolda de prensa no Parlamento. Non quixo pronunciarse sobre unha alianza electoral con Errejón.
O BNG de Ana Pontón afronta o debate de pasado mañá, as eleccións de novembro e as galegas de 2020 cunha consigna clara: menos Madrid e máis Galiza. Interpelada no Parlamento minutos despois da intervención de Villares sobre a presenza de Errejón nas próximas eleccións, a líder nacionalista dixo: “Se Máis Madrid se presenta en Galiza, pareceríame un auténtico disparate. Entre outras cousas, porque se algo precisamos neste país é menos Madrid e máis Galiza”.
Pontón reclamou toda a atención para o debate desta cuarta feira. Explicou que Feixoo tratará de “agochar unha década de sombras na inestabilidade política no Estado”, apuntou que é o último debate sobre a nación desta lexislatura e remarcou o seu carácter “simbólico” como fin de ciclo de Feixoo.
Ademais, a nacionalista avanzou “o cambio de paradigma” que o BNG intentará empezar a explicar neste debate para mostrar “que hai un modelo alternativo a Feixoo”. Este modelo inclúe un “novo modelo produtivo”, “a blindaxe” dos servizos públicos e reverter as privatizacións, introducir os dereitos das mulleres en toda a axenda pública, alentar políticas contra a emerxencia climática "e fronte ao modelo depredador que asentou o PP", e un maior autogoberno “que reforce a identidade galega diante da globalización”.
Solla concluíu a súa presentación recoñecendo que malia a súa idade -ten 35 anos- e que lle queda seguir aprendendo, cre que poder achegar “grandes elementos de consenso e propostas políticas que dean resposta ás necesidades das galegas e dos galegos”. A data para a presentación de candidaturas ás primarias en Esquerda Unida remata o próximo día 5. Solla é polo momento a única aspirante.