Ao PP cóaselle unha anotación nun documento na que recoñecen que as súas propostas para atallar a vaga de lumes "xa se fan"

Alberto Núñez Feixoo, este 25 de agosto. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A anotación no documento provocou críticas nas redes sociais, onde diversos perfís cuestionaron a autenticidade das medidas e a súa intención comunicativa

Un erro no documento oficial coas 50 medidas anunciadas esta segunda feira polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, deixou ao descuberto anotacións internas da formación sobre como presentar determinadas propostas relacionadas coa loita contra os incendios.

No listado remitido aos medios, unha das medidas incluídas fai referencia á posta en marcha de programas excepcionais de emprego para tarefas de limpeza de montes, así como para a reparación e reconstrución de vivendas afectadas polos lumes. Porén, xunto a esa liña aparece un comentario que indica que estes programas "xa se fan", mais recomenda "trasladar a idea de que hai que facelo de forma excepcional".

Detalle do documento do PP. (Foto: Nós Diario)

A anotación no documento provocou críticas nas redes sociais, onde diversos perfís cuestionaron a autenticidade das medidas e a súa intención comunicativa.

Até o momento, o Partido Popular non realizou ningunha aclaración pública sobre o erro, limitándose a manter o documento oficial dispoñíbel para consulta nos seus canais de comunicación.

Competencias

Núñez Feixoo compareceu esta segunda feira para anunciar 50 medidas para afrontar a crise dos incendios. Máis aló das propostas dirixidas a captar titulares (o de crear un rexistro de pirómanos, por exemplo), foi de interese o discurso de Feixoo, no que afirmaba que no combate contra o lume houbera problemas de “prevención” e “planificación”, sinalando como responsábel destas eivas ao Goberno estatal.

O certo é que ambas as dúas competencias son das comunidades autónomas. Feixoo, que durante 13 anos gobernou unha delas, debería de sabelo.