Referentes das experiencias municipalistas galegas participan na xornada 'O local como chave transformadora', organizada por Anova

Martiño Noriega, María Rozas e Marta Lois nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
A organización reivindica o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil.

Anova-Irmandade Nacionalista organiza este sábado, 29 de novembro, na Casa das Asociacións de Cornes de Santiago de Compostela, a xornada municipalista 'O local como chave transformadora', un espazo pensado para "recuperar a centralidade política do municipalismo galego e para artellar, desde abaixo, novas alternativas transformadoras nun momento de clara emerxencia democrática, ecolóxica e social".

A cita desenvolverase entre as 10 e as 14 horas e contará coa participación de representantes de diversas candidaturas municipalistas e espazos do cambio que ao longo da última década "contribuíron a construír proxectos políticos de proximidade centrados en mellorar as condicións de vida da xente".

Mesas de diálogo

O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social

  • Modera: Santi Martínez, concelleiro de 2015-2023 por Veciñanza de Cuntis.
  • Interveñen Julián Bustelo, alcalde por Rianxo en Común; Benito Portela, Alcalde por Sada Maioría; María Rozas, tenenta alcaldesa por Compostela Aberta, e María Xosé Fernández, concelleira por Vilalba Aberta.

Artellar para transformar: do local ao nacional

  • Modera: Concha Fernández, concelleira de 2015-2019 por Compostela Aberta.
  • Interveñen Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova; Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña 2015–2019 pola Marea Atlántica; Nerea P. Carballeira, concelleira de Ferrol En Común, e Xosé Manuel Beiras, fundador de Anova.

As dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa "un exercicio colectivo de reflexión e de articulación estratéxica", un espazo de participación que contribúa "á construción dunha Galiza máis xusta, máis democrática e máis sostíbel".

"Construír país"

Para Anova, esta xornada supón "un paso relevante no proceso de revitalización organizativa e política que a formación está a impulsar nos últimos meses". A organización reivindica o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil, próxima e transformadora, en contraste coa "xestión da monotonía" que, segundo Anova, se instalou en boa parte das alternativas progresistas do país.

"O municipalismo galego foi, e debe volver ser, a forza que reconstrúa confianza social, que defenda os servizos públicos e que se enfronte sen complexos ás emerxencias sociais, ambientais e democráticas que vivimos", afirm Martiño Noriega. O portavoz nacional de Anova asegura que "as experiencias locais que se dan en múltiples concellos amosan que existe capacidade e vontade de transformación real, agora cómpre artellalas e recoñecelas como parte dun mesmo proxecto de país". "Anova ponse a disposición dese espazo municipalista plural e cooperativo, convencida de que reconstruír o País desde abaixo é hoxe unha necesidade política e democrática", conclúe Noriega.