Vázquez di que "non pode deixar" de estar tranquila desde o momento en que os informes "son favorábeis" e din que "cumpren coa lei"
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou que o informe realizado por Augas de Galicia sobre o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) concluíu que "cumpre" cos obxectivos ambientais marcados a nivel europeo, pola Organización Mundial da Saúde e pola lexislación Española e galega.
Así o explicou a conselleira en preguntas dos medios de comunicación este sábado en Ordes, onde asistiu ao izado da Bandeira Verde. Este, é un dos máis de 30 informes que os diferentes departamentos da Xunta deben emitir en referencia a Altri, para realizar a declaración ambiental.
Desta forma, afirmou que "non pode deixar" de estar tranquila desde o momento en que os informes "son favorábeis" e din que "cumpren coa lei".
No informe de Augas da Galiza, asinado por sete técnicos, "houbo moita xente" que traballou no documento e "hai achegas" de estudos de universidades. "Eu confío totalmente nos funcionarios", resolveu. A conselleira puntualizou en que Augas exixe á empresa "mellorar" o estado do encoro de Porto de Mouros, no río Ulla.
Pola súa parte, a Plataforma A Ulloa Viva criticou, en declaracións a RNE, que coñeceu este informe, así como outras informacións, por parte da prensa e acusou á Xunta de "negarlle información".
A conselleira contestou que o Executivo galego "non pode negar información" que, nas súas palabras, "está perfectamente regrada" e defendeu os tempos dos diferentes procesos.
Ángeles Vázquez pediu "sensatez e cordura" e apuntou que o proxecto de Altri "é un máis" dos que se imantan na Galiza. "Hai que darlle o tempo necesario aos técnicos para que pidan a documentación que ven precisa", recalou.
Aínda faltan informes e a conselleira pediu que "non se tente enredar" con este tema. "Crédeme que aquí ninguén se quere meter en ningún problema. Entón deixemos de facer, unhas veces política e outras veces fiámonos de quen nos teño que fiar que son os técnicos especialistas", engadiu.