Ana Pontón sitúa Barro como exemplo do "éxito" do modelo municipal do BNG

Adrián Silva, Ana Pontón, Xosé Manuel Fernández Abraldes e Andrea Pérez, este 30 de agosto en Barro. (Foto: Arxina)

Ana Pontón participou no décimo aniversario do BNG á fronte da Alcaldía de Barro e augurou que Xosé Manuel Fernández Abraldes continuará como rexedor "polo seu gran traballo". A portavoz nacional do BNG puxo en valor a transformación do concello: "máis poboación, menor media de idade, débeda cero e un Goberno transparente e participativo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado na celebración do décimo aniversario do BNG á fronte da Alcaldía de Barro (comarca de Pontevedra) xunto ao rexedor, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a quen cualificou como "o mellor alcalde da historia do concello". Pontón asegurou que "Abraldes é a mellor aposta para Barro" porque, segundo subliñou, cando a veciñanza coñece como goberna o BNG, "reforza a súa confianza no noso modelo municipal de éxito, capaz de mellorar a vida da xente e de transformar en positivo os concellos".

A líder nacionalista destacou a "profunda transformación" que viviu Barro nos últimos anos. Así, sinalou, mentres os concellos da contorna perden habitantes, Barro gaña poboación (+30 entre 2020 e 2025) e rexistra unha media de idade máis baixa (45 anos) que Portas, Moraña ou Cuntis. Ademais, pasou dunha débeda de 1,1 millóns de euros en 2015 —equivalente a 312 euros por veciña ou veciño— a ter débeda cero desde 2020.

"Tras anos de estancamento, Barro é hoxe un concello luminoso, participativo, con débeda cero, con máis poboación, cun Goberno transparente e profundamente democrático", afirmou Pontón.

A portavoz do BNG puxo en valor tamén os principios que guían a acción do executivo local: transparencia —coa rendición anual de contas a cada fogar e coas asembleas parroquiais—, respecto institucional á lingua galega e programas de promoción como 'Dándolle á lingua', e un estilo de gobernar baseado no "respecto a todas as persoas, independentemente da súa cor política".

"Un lugar mellor para vivir"

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fixo un balance "moi positivo" destes dez anos de Goberno municipal, que cualificou como "un gran avance para o concello". "Hoxe Barro é un lugar mellor no que vivir, un concello que medra tanto en poboación como en servizos", afirmou.

Abraldes destacou que este 2025 tamén é un ano de "resultados palpábeis" do traballo feito, coa próxima construción do centro de saúde e da nova depuradora, infraestruturas que, segundo indicou, "serán un salto adiante na mellora da calidade de vida da veciñanza e na modernización do concello".

"Barro é un gran exemplo do que significa un concello do BNG: un Goberno que abre as portas ao mundo, que sitúa as persoas no centro e que defende a nosa lingua e a nosa cultura con orgullo", concluíu Pontón, convencida de que a veciñanza de Barro "terá un Goberno nacionalista outra década máis".