Ana Pontón, a primeira candidata á Presidencia da Xunta en votar

Ana Pontón, candidata do BNG

[ACTUALIZADA ÁS 14.12H] Ana Pontón, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, foi a máis madrugadora á hora de votar. Fíxoo, ás 10.30h, no CGAC. Media hora máis tarde votaba en Compostela o candidato do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga; tamén o de En Marea, Luís Villares, desde Lugo, e a cabeza de lista de Ciudadanos, Cristina Losada desde Vigo. O candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, fíxoo ás 12h en Vigo e o de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, votará ás 12.30h, na Baña.

A candidata á Presidencia da Xunta máis madrugadora á hora de exercer o seu dereito ao voto foi a nacionalista Ana Pontón. En declaracións aos medios, ao saír do colexio electoral do CGAC, a cabeza de lista do BNG animou todas as persoas a ir votar "con ilusión" porque "cada voto vai ser decisivo". Sinalou que hoxe se vai decidir "que Galiza queremos e que camiño queremos elixir".

"Nesa decisión a clave é que haxa unha ampla participación democrática. Estamos nun momento moi complexo para o país e é importante que a voz de todos os galegos e galegas se deixen sentir nas urnas", engadiu. Pontón concluíu as súas declaracións aos medios salientando que "é moito o que nos xogamos".

Ana Pontón pasará o resto da mañá visitando mesas en distintos colexios electorais e pola tarde fará o seguimento da xornada desde a sede nacional do BNG. A primeira valoración do Bloque terá lugar lugar ás 20.15h desde a Nave de Vidán.

Leiceaga

O cabeza de lista do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, votou ás 11h no colexio electoral do reitorado. En declaracións aos medios, afirmou "espero que haxa unha elavada participación e que todo se desenvolva con normalidade". "Na fin da xornada coñeceremos o que decidiron os cidadáns e hai que aceptar o resultado sexa cal sexa", engadiu.

En resposta ás preguntas dos medios, puxo de manifesto que sempre é optimista e concluíu advertindo que "teremos tempo para coñecer os resultados reais e a ver que pasa".

O candidato da formación socialdemócrata pasará a xornada coa familia "tranquilamente en Santiago" onde gozará dunha "comida familiar". A partir das 20h fará seguimento da xornada electoral desde a sede do PSdeG en Compostela.

Villares

O cabeza de lista de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, votou ás 11h no colexio da Casa das Linguas, en Lugo. Declarouse "moi ilusionado" e subliñou que a de hoxe "é unha xornada histórica para o país, polo que fago un chamamento a que todo o mundo vote e vote con ilusión".

O candidato de En Marea fixo fincapé na participación do electorado, "as páxinas da nosa historia temos que escribilas nós e por iso non sería bo que ninguén quedase na casa". "Espero moita participación, moita ilusión e que os resultados nos poñan nun rumo certo cara a unha Europa social", apuntou. Neste sentido, apelou á necesidade de que "todo o mundo sexa protagonista e non quede na casa pensando que o seu voto non importa".

Preguntado por como viviu a experiencia, admitiu que é "moi ilusionante poder soñar cun cambio político e desta sorte de democracia que temos. E poder facer unha achega como persoa individual e como proxecto político a isto é a honra máis grande que un cidadán pode ter".

Luís Villares xantará hoxe en familia e a partir das 19h fará seguimento da xornada electoral desde o local de En Marea no Toural (Compostela).

Losada

Ao igual que os candidatos do PSdeG e de En Marea, a cabeza de lista de Ciudadanos, Cristina Losada, votou ás 11h. Fíxoo en Vigo, no colexio electoral do concello, onde, en castelán, emprazou os galegos e galegas a exercer o seu dereito ao voto advertindo que "as cousas que non funcionan poden cambiar a partir de mañá en Galicia".

Insistiu en que as decisión "afectan a todos", polo que votar "é unha maneira de se implicar nelas". "É a base tamén para ter unha democracia con maior esixencia, maior responsabilidade e maior rendición de contas dos seus representantes políticos".

Losada afirmou que confía nunha "gran participación", en que a cidadanía "reflexione" e vexa "cales son as mellores propostas e os mellores representantes posíbeis". Tamén se amosou confiada en que após esta xornada electoral "os partidos que decidiron bloquear a situación política a nivel estatal dean un paso adiante para iniciar a lexislatura e para ter un goberno e unha oposición".

Preguntada sobre como pasará o resto do día, respondeu que lle "toca" a ela facer a comida. Durante a tarde, desprazarase á Coruña, onde fará seguimento da xornada eleitoral desde un hotel da cidade.

Feijóo

O candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que votou ás 12h en Vigo, expresou en declaracións aos medios a súa esperanza de que esta noite poida enviarse "unha mensaxe de prosperidade e futuro" e que haxa "un sendeiro claro" do que pasará na Galiza nos próximos catro anos, pois iso, ao seu ver, significaría que os galegos e galegas votaron "de forma diáfana".

Feijóo fixo un chamamento á participación mesmo "a quen está traballando na vendima" a que vote para que Galiza "poida continuar o seu camiño de certeza e benestar". O importante, asegurou, é que Galiza "siga avanzando".

Bascuas

O último cabeza de lista en votar na xornada electoral deste domingo foi Xoán Bascuas, o candidato de Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta. Ás 12.30h presentábase no colexio eleitoral das Escolas Vellas de Marcelle, na Baña, e daba conta do desexo de que a xente "exprese a súa opción de voto en virtude da liberdade, que busque aquela forza política que mellor reflicta a súa forma de pensar, de sentir e de vivir o país".

Nas declaracións aos medios, Bascuas chamou a atención sobre a necesidade do "reequilibrio do interior" coa zona da costa. "Esta situación vai moito máis alá dun problema que só atinxa a Lugo ou Ourense. É un problema que atinxe tamén ás circunscricións de Pontevedra e da Coruña e ten que ser máis que un eslógan", concluíu.